Artigo de David Pintor en Cadernos Redelibros:
“Non hai moito, en Galicia os ilustradores non apareciamos nas portadas dos libros, non eramos considerados autores, e non cobrabamos dereitos polos nosos libros. Eramos, simplemente, uns tipos que enchían uns ocos que había polo medio do libro. Non tiñamos, nin de lonxe, a consideración que si se lle daba aos escritores. Case que nunca apareciamos referenciados nas axendas culturais, non eramos invitados ás presentacións dos libros inda que fósemos parte fundamental do mesmo, non eramos invitados ás feiras internacionais, non eramos considerados por parte das administración públicas, etc. (…)
Todos queremos unha industria cultural do libro moito máis forte en Galicia. Unha industria aberta e independente. Unha industria que leve polo mundo os marabillosos libros que se fan aquí e que compita de igual a igual con calquera literatura de calquera país en calquera feira internacional. Unha industria que permita a profesionalización e a dignificación do oficio do ilustrador. Unha industria cunhas editoras fortes, que canalicen o traballo dos creadores. Unha industria imprescindible se queremos que o libro galego teña un sitio importante nun mundo cada vez máis globalizado. Unha industria transparente na que escritores, ilustradores, editores, tradutores, críticos, libreiros, distribuidores, deseñadores, impresores, etc. nos sintamos importantes. Creo sinceramente que Galicia podería competir a nivel literario en calquera feira do mundo. Estamos nun momento de grande talento en Galicia que debemos aproveitar. Temos una canteira de ilustradores para xogar a Champions League da literatura. Pode ser o momento.”