“Moita xente ignora os seus dereitos lingüísticos e non hai consciencia de que son as administracións as responsables de os facer cumprir. Estes son algúns dos apuntamentos que se extraen do documento co que se pretenden elaborar as conclusións do recente Curso de Dinamización Lingüística (Re)pensando o discurso que se celebrou en Carballo o pasado mes de xullo. A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua publicaba onte este texto no que se apunta ademais a necesidade de conseguir un discurso coherente entre colectivos e institucións que traballan a prol da lingua así como adaptar o mesmo aos diferentes grupos sociais do noso país. As mensaxes positivas, o recoñecemento das posibilidades do galego na Lusofonía ou a idea da lingua como un patrimonio común que traspasa o ámbito puramente comunicativo son outras das cuestións que se apuntan no documento.” Vía Cultura Galega.