Manuel Portas: “Nin os gobernos das colonias de África desprezan a súa lingua como o noso”

Entrevista a Manuel Portas en Xornal:
“- Xornal (X): No seu libro [Un dedo manchado de tinta] hai un relato acerca dunha situación dramática entre unha nai, o seu marido violador e a súa filla. É unha posible metáfora da situación do galego?
– Manuel Portas (MP): Si, ambas son situacións moi dramáticas. Descoñezo no mundo un goberno que desprece ao seu idioma como acontece no contexto galego. Non se dá, que eu coñeza, noutras latitudes, como as colonias africanas que, durante moito tempo, rexeitaron os seus propios idiomas pero que se decataron que era necesario mantelos e protexelos. Nin en contextos deste tipo se dá unha situación parecida como á que vive este país. (…)
– X: O libro sae cun disco de regalo. A que se debe estar mestura de artes?
– MP: A arte como tal non ten límites nin barreiras, xa que viviron en constante interacción. A música, por exemplo, non deixa de ser a poesía convertida en canto. A nosa propia lírica medieval é unha demostración desa mestura de arte que vén de vello, da antigüidade. A poesía e a música estiveron de sempre en relación e é necesario explorar novas maneiras de expresión artística. Neste caso, o proceso creativo foi grazas ao labor da arpista Clara Pino que, coñecendo o orixinal, leun­o e foi capaz de extraer poesía, musicala e facer do produto unha expresión artística diferente. Non é un complemento senón que é un produto artístico diferenciado a partir da propia historia. Creo que as artes teñen que ir todas da man para intentar dar, non unha visión artística global, senón unha proposta estética completa e o máis redonda posible. (…)
– X: Cal cre que é, para vostede, o futuro do libro?
– MP: O futuro do libro está no risco e na valentía que os axentes do sector teñan para encarar a chegada dos novos soportes, que teñen potencialidade tremenda en comparación co libro en papel. Adaptarse canto antes é fundamental para a propia supervivencia da actividade literaria. Non hai que ser apocalíptico, os diferentes soportes convivirán durante un tempo. Isto pode ser un grande oportunidade para unha cultura como a nosa que ten que chocar de fronte cos mercados e que, cos novos soportes vivirá a posibilidade da internacionalización cunha política de verdade, por parte das institucións, que consiga que a cultura galega se internacionalice a través do seu propio idioma. E aí está o mundo galego-portugués esperándonos.”