Convocado o III Concurso de relatos eróticos Punto e seguido polo Concello de Soutomaior

O Punto de Información e asesoramento afectivo-sexual da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade do Concello de Soutomaior, no marco das actuacións previstas no II PIOM 2008-2011, na área de fomento da saúde, deporte e benestar, organiza o III Concurso de relatos eróticos Punto e seguido, co obxectivo de promover a educación e a saúde afectivo-sexual, e favorecer a eliminación de tabús e estereotipos sexistas.

BASES

1. Poderán participar na presente convocatoria persoas maiores de 18 anos que nacesen, residan, desenvolvan a súa actividade laboral ou académica en Galicia (será obrigatoria a xustificación documental que acredite tal circunstancia).
2. As obras presentaranse por triplicado (orixinal e dúas copias) en fonte Arial 12, a dobre espazo e por unha soa cara, en tamaño DIN A4, grampadas, cosidas ou encadernadas. Irán acompañadas dun sobre pechado contendo os datos persoais da autora ou autor (nome e apelidos, idade, enderezo, teléfono de contacto, correo electrónico, fotocopia do DNI ou pasaporte e a xustificación da residencia en Galicia no caso de que esta non coincida coa que figura no DNI). Rexeitaranse aqueles traballos nos que figure algún dato que permita identificar ao/á autor/a destes. Os traballos enviados por correo postal enviaranse do mesmo xeito sinalado anteriormente co compromiso dende a Concellería de Igualdade de destruír o sobre de correos onde obrigatoriamente debe constar o remitente. Nos tres exemplares da obra e no exterior do sobre figurará o título da obra, o pseudónimo (opcional) e a lenda III Concurso de Relatos Eróticos.
3. As obras deberán ser orixinais, inéditas e escritas en galego, cunha extensión máxima de 600 palabras, sen contar o título, quedando excluídas do concurso todas aquelas que a sobrepasen. Poderanse presentar un máximo de dous traballos por autor ou autora. Valorarase que o texto reflicta actitudes e valores igualitarios, e a ruptura de estereotipos sexistas, especialmente os relacionados co erotismo e a sexualidade.
4. O prazo para a presentación de orixinais comeza o 1 de agosto e remata o 4 de novembro de 2011 ás 14:00 horas. Os traballos entregaranse persoalmente ou por correo certificado ao: Centro de Información á Muller, no Centro Multiusos de Arcade (Rúa Peirao, nº 8, Arcade (Soutomaior), C. P. 36690).
5. O Xurado será nomeado desde a Concellería de Igualdade e estará presidido pola Concelleira de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade en comparecencia ou en quen delegue, e estará composto por profesionais relacionados/as coa literatura, actuando como secretaria, con voz pero sen voto, a responsable e directora do Centro de Información á Muller de Soutomaior. A composición do Xurado darase a coñecer ao emitirse o fallo, que será inapelable e farase público na primeira quincena do mes de decembro de 2011.
6. Establécese un único premio gañador dunha fin de semana para dúas persoas no Castelo de Soutomaior, que inclúe estancia e media pensión. A entrega do premio farase na segunda quincena do mes de decembro de 2011, e será anunciado e notificado oportunamente. A non presenza no acto de entrega suporá a renuncia a este. A xuízo do Xurado os premios poderán ser declarados desertos.
7. A concesión do premio implica a aceptación por parte do/a gañador/a do dereito de publicación do relato por parte da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade, así como a difusión noutros medios de comunicación como, por exemplo, internet. As obras que non resulten premiadas quedarán depositadas no fondo documental do CIM e da Concellería de Igualdade, Servizos Sociais e Sanidade, e estarán a disposición dos/as usuarios/as do mesmo para a súa lectura ou consulta (salvo que no interior do sobre pechado conste o expreso desexo do/a autor/a de recuperar a obra, que neste caso deberá ser retirada do CIM nun prazo máximo dun mes a partir da data de entrega do premio).
8. A presentación a esta convocatoria supón a plena aceptación de todos os puntos das bases que regulan este concurso. Calquer dúbida sobre a interpretación das mesmas será resolta dende o CIM de Soutomaior (teléfono 986-701227, na súa páxina, e/ou nos correos electrónicos cim@soutomaior.es e info@ex-presion.com).