María Xosé Queizán: “Os académicos da RAG cren que o saber é cousa de homes”

‘”Os académicos consideraron que o saber é cousa de homes. A Academia será o último que cambie na sociedade. Aínda que vaian introducindo algunha muller a conta gotas coma quen regala unha flor”. Esa é unha das mensaxes que lanza a escritora María Xosé Queizán a través dunha carta que onte enviou ao Consello da Muller de Vigo e que hoxe reproduce na súa totalidade Manuel Bragado no seu blog Brétemas. Nesa carta, a autora de Amor de tango afirma que non estaba entre os seus desexos entrar na institución presidida por Méndez Ferrín. “Non quero nin quererei entrar na Real Academia Galega. Non me vexo na Academia e tampouco teño tempo para esa ocupación. Son abondas xa as miñas ansias e preocupacións, entre as que están as literarias, as culturais e o activismo feminista”. Queizán, ademais, emprega esta carta para amosar “a súa alegría” por que o Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo presentase a iniciativa para que a escritora formase parte da Academia. “Dixen daquela que o voso recoñecemento era máis imporante para min que o ingreso nesa alta institución. Sei que as amigas e compañeiras feministas confiaban no labor que podía levar a cabo nesa Real Institución a favor das mulleres galegas, no eido lingüístico e cultural”, explica na misiva.’ Vía Xornal.