“Saen á luz sete relatos ata agora descoñecidos de Álvaro Cunqueiro”

“A obra do gran Álvaro Cunqueiro é literalmente inesgotable. En vésperas dos actos de celebración do centenario do seu nacemento saen á luz sete relatos ata agora descoñecidos que non figuraban en ningunha bibliografía e que só foran publicados en 1945 e 1946 nas páxinas da revista madrileña Catolicismo. (…) Os sete relatos aparecen asinados por Álvaro Labrada, un coñecido pseudónimo do autor, excepto o último deles, publicado en 1946, que xa aparece co seu propio nome. “Todos caracterízanse polo seu exotismo e por adiantar temas e motivos que logo serán moi importantes na prosa de Cunqueiro, como, por exemplo, os relatos de ambiente musulmán, verdadeira anticipación de Se o vello Sinbad volvese ás illas“, apunta o investigador [Xosé Antón López Silva]. O argumento das misións serviulle ao literato para reinventar, ao seu xeito, as lendas de África, China e os países árabes.” Vía La Voz de Galicia.