Entrevista a Miguel Sande en Fervenzas Literarias:
“- Fervenzas Literarias (FL): A construción dun edificio diante da fiestra dende onde María, vella e enferma, observa a vida pasar postrada nunha cadeira de rodas vaille servir a vostede de escusa para xogar co título desta novela: A vida fóra. Recrearase esa vida fora da xanela e vai sacar esa vida fóra da vella María través das diferentes lembranzas.
– Miguel Sande (MS): A vella María pasa os días nunha cadeira de rodas ollando pola ventá. Un día, e outro, e outro… ata que constrúen un edificio diante da súa vivenda. Entón á vella sácanlle o único que a une co exterior: a vista. Vai ser a partires diso cando non vai ter outra que imaxinar a vida fora desa construción. Velaí o porque do título. Esa expresión obrigada da vella María de imaxinar a vida fora é o que a min me interesaba que fose a cerna e a orixinalidade desta novela. A vella vai facer gala dunha imaxinación desbordante, chegando en ocasións ao disparate. A vida fóra é unha novela dura, pero o que nos chega a través da imaxinación da vella dálle unha chispa á historia, esa vida necesaria para que o lector poida ler este libro cun sorriso. Doutro xeito sería unha novela moi simple: unha vella nunha cadeira de rodas mirando pola ventá. A historia chega a nós coas palabras dela. Sobre o de sacar a vida fora a través das súas lembranzas en parte tamén é certo. A vella María saca retallos da súa propia vida. Esta novela, como dicía Carlos Nuevo cando a presentamos en Viveiro, ten cortes etnográficos, elementos do pasado. A través deses retallos -aínda que non sexan coordinados por mor da memoria rota de María- vamos coñecendo a súa historia: a posguerra, a lembranza da mestra republicana a quen lle queimaron a casa… pero tamén o seu presente. Son cousas que non se relatan explicitamente pero xorden a través dos recordos da vella María. Hai quen ve iso como un defecto, pero eu pretendín contar as cousas doutro xeito.
– FL: Aínda que poesía e teatro abranguen a meirande parte da súa obra, retorna de novo á novela tras aquel Se algún día esta muller morta (Galaxia), I Premio de Narrativa Breve Repsol YPF 2006. Nesta A vida fora, sendo unha novela, sitúa ao lector nun cruce de camiños onde conflúen tanto a prosa, como o teatro e un pouso da poesía.
– MS: Eu levo vinte e cinco anos escribindo e sempre digo que veño dos barrios marxinais, que serían a poesía e o teatro. Agora estoume achegando ao que sería o barrio rico: a novela. Noutra das presentacións que fixemos este verán, en Barreiros, o dramaturgo Manuel Lourenzo comentou que se trataba dun monólogo teatral. Aínda que concorde con Manolo, eu tamén creo que se podería ler como un poema longo. Pero sobre todo é unha novela, unha novela curta. Na contracapa do libro Galaxia indicou que se trata dunha novela que está nos límites da narrativa. Coido que non hai fronteiras. Podería dicirche que hai poesía, que hai teatro, pero é novela. Os diferentes matices ten que atopalos o lector. (…)”.