Os editores galegos ultiman unha plataforma electrónica común

“A Asociación Galega de Editores ultima a posta en marcha dunha plataforma para a venda de libro electrónico galego na que estarán presentes todas as editoras asociadas e na que se venderán tanto obras de creación como libros de texto. Elibro-galego é o nome desta plataforma, que podería estar en servizo nos primeiros días do vindeiro mes de novembro. Como punto de partida para o catálogo dixital desta plataforma, segundo explica a vicepresidenta da AGE, Belén López, vanse incorporar todas as obras de carácter electrónico que xa teñen as editoras galegas neste momento, cun número de volumes que cando chegue a estrea pode roldar os cen títulos e que se renovará a un ritmo de sesenta títulos por ano. A plataforma de venda pretende traballar con todos os formatos do mercado, de maneira que un lector en galego poida descargar calquera libro do catálogo independentemente do aparello. Unha das particularidades desta nova plataforma é que, segundo a AGE, terá un sistema de protección de dereitos de autor propio, evitando así os problemas que daban estas xestións en programas como Adobe. (…)” Vía La Voz de Galicia.