Fran Alonso: “A invisibilidade é unha estratexia que nos oprime”

Entrevista a Fran Alonso en El País:
“- El País (EP): A vida nas cidades e Internet son as columnas vertebrais de Ninguén. Outravolta a contemporaneidade é o signo dun libro seu. É misión do escritor ser cronista do seu tempo?
– Fran Alonso (FA): A miña é estar atento ao que sucede e explicar esa realidade. Eu interprétoa sen afán de achegar solucións. Impórtame a complicidade co lector, que se recoñeza neste estarmos condicionados por sistemas universais. Este libro explora a condición urbana, inexcusábel no mundo desenvolvido onde das cidades mana todo, o que non acontece nos países pobres. Ninguén tamén está no mundo de hoxe, representado metaforicamente nun edificio. Todo o que sucede alí pode pasar en calquera parte.
– EP: Vostede ten blog desde 2003 e foi dos primeiros escritores galegos en empregar a Rede como difusora da súa actividade e mesmo prolongación do seu traballo. Cara onde o leva a súa reflexión sobre Internet?
– FA: Adoito pensar en como inflúe en nós e no noso comportamento. A meirande transformación dáse nas relacións humanas e a aparencia di que son a ciencia e a tecnoloxía o que máis cambia. A capacidade da Rede para salvar distancias é o máis significativo e, en xeral, é algo bo que, ademais, cambia os tipos de relacións. Tradicionalmente, as relacións estaban determinadas pola inmediatez e a veciñanza; hoxe agroman noutros contextos. (…)
– EP: E diante da desaparición alarmante de medios de comunicación en galego, poida que esta crise tamén estea comprometendo o futuro da lingua?
– FA: Descoñezo o fondo da cuestión en termos de xestión empresarial, pero está claro que estamos nun momento de tránsito en que os que primeiro caen son os máis débiles. A iso cómpre sumar que os nosos representantes institucionais eludiron facer que a información chegase tamén nunha das linguas dos galegos. Por outra parte, hai tempo lin unha estatística que reflectía que o galego era unha das linguas máis empregadas en Twitter. Hai un amplo sector galegofalante que trata de impulsar a lingua a través das novas tecnoloxías. Pero é evidente que hai un retroceso nos usos. Esa pésima circunstancia, en contraposición co magnífico estado da literatura e da creación en galego produce un enorme contrasentido. Perviven moitos prexuízos, como a identificación de lingua e opción política, cando as linguas non teñen ideoloxía, son patrimonio da cultura. A sociedade galega debe decidir. (…)”.