Repaso en Cultura Galega á influencia de Polaroid na literatura galega, con entrevista ao seu autor, Suso de Toro:
“Polaroid foi no seu día un choque na nosa literatura. Segundo lembraba Dolores Vilavedra a analizar os fitos das nosas letras de finais do século XX, “foi un revulsivo que obrigou a cuestionar o que é a novela e a literatura. En certo xeito marca un punto de inflexión e amosa a herdanza das posmodernidade nas nosas letras”. Para máis, o feito de que un libro tal chegase aos centros de ensino como lectura recomendada “provocou protestas de Asociacións de Pais, considerábase inmoral”. O feito de lograr o Premio da Crítica en 1987 non fixo máis do que incrementar o eco da obra. Textos como o Manifesto Kamikaze ou Galicia, esa merda coa súa chamada a facer croquetas coa momia de Castelao ou a derrubar a casa de Rosalía de Castro continúan a ser citados e lembrados a día de hoxe. (…)
Cultura Galega: Ata que punto pensa que ten vixencia o libro?
Suso de Toro: Agora vexo as cousas desde fóra. Achegueime ao libro e ao meu xeito de ver está perfectamente vivo. Non mudaría nada. En primeiro lugar porque é un libro deliberadamente imperfecto e non admite que se lle limen cousas, iso é parte da súa estética. É un libro que ten algo de xesto, entón non lle podo tocar nada. E por outra banda vexo que está vivo. E aínda máis, o discurso ideolóxico que está na Apoteose do churrasco asínoo hoxe. A visión do país que está aí segue a ser perfectamente válida para min. Se o quixese retratar hoxe non o faría mellor.”