Entrevista a Fran Alonso en Disquecool:
“(…) Disquecool (D): Como valoras a acollida de Ninguén?
– Fran Alonso (FA): Sabes que circula un hoax que é verdadeiro? Puxemos en marcha unha campaña, a través do correo electrónico, na que se di que Xerais agasalla con exemplares de Tráiler, a miña primeira novela, asinada por min. E é unha campaña que é real, realmente agasallamos co libro como modo de promoción, pero moita xente desconfía de que sexa real e non pide o libro porque cre que é un hoax. Pero non che contestei a pregunta! Eu creo que a acollida foi moi boa. Claro, ti sempre tes unhas expectativas con cada libro que sacas. Eu tiña boas expectativas para este libro, pero recoñezo que non tantas como agora teño. Tivo moitísimas críticas practicamente nos primeiros quince días, nos medios… supoño que é consecuencia de que o tema resulta moi actual, e interesa.
– D: En xeral, na túa obra, destaca que non só é moi prolífica, senón que o é en xéneros moi diversos: narrativa, poesía, xornalismo, literatura infantil. Iso ás veces pode crear certa desconfianza?
– FA: Si, eu creo que tes razón. Os poetas pensan que es narrador, non poeta. Os narradores que es poeta, non narrador. Os xornalistas que es narrador ou poeta, pero non xornalista, pero non acaban de situarte en ningún sitio, incluso para os críticos pode ser confuso. Pero para min é enriquecedor, porque me permite expresarme a través de distintas manifestacións que no fondo son a mesma: a literatura, e creo que a obra literaria dun autor debe ser valorada globalmente. Ademais os meus libros están todos interconectados, nada é explicable sen o resto dos libros, vou tecendo unha especie de arañeira global, evidentemente, funcionan individualmente, o lector pode ler un só libro, pero a min me permite romper coas barreiras xenéricas e entendo que hoxe iso debe ser algo superado. Vivimos nun mundo fragmentario, confuso e a literatura vai acorde con iso. Pénsoo cando leo os autores do século XIX e atopo un narrador omnisciente. Iso hoxe non funciona porque non é crible. E igual cos xéneros, xa non son ríxidos, todo é cuestionable e todo é posible hoxe, a literatura ten que asumir as formas do mundo tal e como é se quere interpretar o mundo actual. Para min o máis importante para o escritor é ter unha visión do mundo que ofrecer aos lectores. (…)”.