Artigo de Montse González en El País (Galicia):
“Cantos títulos da literatura galega pode citar nos que a homosexualidade apareza, dalgún ou outro xeito, reflectida? Non é este un tema do que se ocupasen moito nin a investigación académica nin a crítica. Por iso pode cualificarse de histórica a oportunidade para a reflexión que supuxo a celebración en Ourense das xornadas A marxinalidade na cultura: a homosexualidade, organizadas pola Fundación Vicente Risco.
“Son tan significativas as ausencias como as presenzas”, asegura o escritor Antón Lopo, que participou no encontro ourensán. Aínda que, engade, “se ollamos ás literaturas máis próximas, a situación é semellante”. A cuestión é, ao seu ver, que “se tentou encadrar na marxinalidade algo que é central: A esmorga foi definida como a mellor novela da literatura galega.” A novela de Eduardo Blanco Amor é unha das poucas obras neste sentido que, parecen, de feito, ter o un lugar no canon. Asentada a interpretación sobre a tensión sexual entre o Bocas e o Milhomes, a profesora da Universidade da Coruña Carme Fernández foi máis alá cunha hipótese que expuxo nas Universidades de Oxford e Massachusetts: Cibrán podería estar tamén agochando a súa homosexualidade. Pero a creación de Blanco Amor abriu máis debates. O Pen Clube de Galicia e Galaxia editaron Ars Amandi, un volume que analiza como a poesía do autor ourensán reivindica a súa condición homosexual. (…)”