Artigo de Armando Requeixo no seu blogue, Criticalia:
“Con motivo da conmemoración do nacemento de don Álvaro Cunqueiro, fixo onte un século, inseríronse en varios medios colaboracións nas que me ocupei de diferentes cuestións referidas á súa vida e obra. Nos vindeiros días ireinas incorporando ao blog. Velaquí a primeira entrega, aparecida onte no xornal Faro de Vigo, onde exhumei un poema do autor ata hoxe descoñecido e que nunca antes fora impreso.
No meridiano do pasado século Álvaro Cunqueiro atopábase en Mondoñedo, a cidade natalicia á que regresara tras o seu periplo madrileño logo de perder o favor das autoridades que ata entón o uparan como a case ninguén.
Son tempos de desconcerto e infinda soidade para o xenial escritor. Aos amigos escríbelles dende a cidade da Paula confesándolles que se sente “canso, soio, triste” e que mal atura o grisallo daqueles días nos que “chove, chove e venta o vendaval, ese vendaval mouro que muxe como unha vaca: estou vello e canso”.
Recluído naquela illa de incomunicación cultural, sen apenas ninguén con quen departir á súa altura no día a día das rúas da vella cidade episcopal, Cunqueiro sobrevive, soña esperto e, sobre todo, imaxina, febril, páxinas e máis páxinas. Daquel fervedoiro de fantasías ían nacer pouco despois os personaxes do Merlín e familia (1955) e As crónicas do sochantre (1956) e, non moito máis tarde, O incerto señor don Hamlet (1958). Mais en 1950 o escritor segue a procurar, devecidamente, a súa voz, o vieiro a seguir tras da ruína vital e autorial que vén de padecer.
Nese particularísimo contexto, non debe estrañar que Cunqueiro volva ás raíces, que indague na tradición e o alento dos devanceiros para ver iluminado o camiño. E, ¿que mellor guieiro para un mindoniense que a alba de gloria dos escritores que no pasado da cidade foron? Máxime se un foi amigo de boa parte deles, se sempre amosou por estes admiración e respecto. (…)”.
Posteriormente publicou a segunda e terceira parte deste artigo: No centenario de Cunqueiro (II) e No centenario de Cunqueiro (III).