Ramón Nicolás: Descubrir o iceberg Ferreiro

Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“Participo da idea de que un pobo que non honra a memoria dos seus escritores, que non espalla os valores que a súa achega supuxo leva camiño de perder a memoria de si mesmo. Por iso entendo como acaído que este novo ano que xa case asoma a cultura galega vaia centrarse en dous poetas que son símbolo do noso pasado máis recente: Valentín Paz-Andrade e Celso Emilio Ferreiro, irmandados os dous por protagonizaren, respectivamente, o Día das Letras o primeiro e o mais o Centenario do nacemento o segundo. Ambos os dous personaxes exhiben un perfil que vai alén do estritamente literario o que posibilita afondar nas vizosas vertentes de actuación cultural, xornalística ou política que representan. Respecto de CEF, ademais, cómpre non perder de vista que tamén se conmemoran, neste 2012, os cincuenta anos da primeira edición de Longa noite de pedra.
Alén dunha homenaxe que se lle tributou na súa vila natal, por volta dos anos cincuenta, con escasos documentos testemuñais, da que se lle rendeu en Pontevedra cando abandona a cidade para radicarse en Vigo no ano 1949 e a que tivo lugar en maio de 1966 nos baixos do Hotel Roma de Ourense, derivada da decisión de autoexiliarse por mor das duras circunstancias que o rodeaban, entre as que a persecución policial non era a menor (un banquete considerado como a primeira manifestación pública de oposición ao franquismo na posguerra ao acoller as reivindicacións dos labregos polo asolagamento do val de Castrelo de Miño), non sei de ningún outro recoñecemento que CEF recibira en vida, máis ou menos colectivo e á marxe do que lle puideran tributar pequenos círculos de amigos. Resulta rechamante en alguén que levou a cabo un intenso labor por Galicia en moitas e distintas ordes e, aínda máis cando, desde a súa morte para acó, foron e son torrenteira os recoñecementos dedicados á súa memoria. Non se cumpriu a sentenza que se recolle nunha nota final do epitafio de Ben-Cho-Shey e que de certo CEF asumiría: “Quedan suprimidas tódalas homenaxes postmortem porque as cousas ou se fan ao seu tempo ou non se fan”, mais ese “lume que alampea xamais o veredes morto” que se consigna no seu epitafio semella ser profético. (…)
E el sería precisa esta nova vaga –conxecturo- de recoñecementos á obra e á figura de CEF? Sen dúbida. Malia os actos, de filiciacón institucional ou non, que neste espazo de trinta e tres anos se viñeron sucedendo, o certo é que aínda hai tanto o traballo por facer, no que se refire á catalogación dos seus fondos, á divulgación da súa obra ou á investigación dos seus diversos perfís, que teño a firme convicción que será ben difícil que neste ano se esgote todo o que arredor da súa obra ou da súa personalidade se poida dicir. (…)
Queda por facer aínda moito máis: proxectar internacionalmente a súa poesía, rescatar prosas aínda dispersas en numerosas cabeceiras, a edición dun epistolario que considero un auténtico patrimonio pola súa riqueza e importancia documental -tamén porque é clave para coñecer máis intimamente ao home, quen foron os seus auténticos amigos, a quen recorría cando o precisaba e como foron os “traballos e os días” tal e como dicía o seu amigo X. Mª Álvarez Blázquez-; queda a edición de textos aínda descoñecidos –boa proba diso son os poemas rescatados neste xornal hai poucas datas, os dous de inusitada modernidade- e, sobre todo, hai moito que facer para teimar na popularización e divulgación da súa obra literaria, axudándose desas innumerables versións musicadas dos seus poemas. Iceberg Ferreiro, para este 2012.”