A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega nomea a José Luis Sampedro Escritor Galego Universal, premio que xa recibiron Mahmud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman e Antonio Gamoneda, a AELG destaca aqueles autores que unen á excelencia literaria o compromiso ético que os converte en referentes na defensa da dignidade humana e das culturas nacionais. O galardón entregaráselle no mes de maio.
A AELG destaca con esta mención a alta calidade da súa literatura lúcida, profunda, radical e transgresora, impregnada do insubornábel compromiso ético do autor.
A relación de José Luis Sampedro con Galicia comezou nos anos 70 a través da Agrupación Cultural Lóstrego de Madrid, da que foi presidente de honra e coa que colaborou economicamente cunha mensualidade do seu soldo de Senador por designación real nas primeiras cortes democráticas; no exercicio desta responsabilidade defendeu a inclusión do dereito de autodeterminación no texto constitucional.
A relación continuou a través da Facultade de Ciencias Económicas da Universidade de Santiago de Compostela, participando en congresos alí organizados nos anos 80.
En 1990 impartiu a lección inaugural, con título Un humanismo para una crisis, da segunda edición da Universidade Popular de Ortigueira, aproveitando a estadía para coñecer Betanzos (onde está soterrado un seu avó), A Mariña de Lugo e a comarca de Ortegal, visita que tivo reflexo na súa novela máis querida, Real Sitio.
A foto provén da Wikipedia galega, onde se pode consultar moita máis información sobre o autor.
Nova recollida en Cultura Galega.