Convocado o VIII Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo

“O Concello de Carballo convoca dende 2005 o Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores cos obxectivos de incentivar a reflexión sobre a situación social da lingua galega, crear espazos nos xornais para analizar e fomentar o noso idioma e promover o uso do galego na prensa escrita. Nesta edición son 11 os medios colaboradores, tanto en papel como dixitais, e algúns de ámbito comarcal ou de incidencia directa na comarca, como A Nosa Costa, Diario de Bergantiños, El Periódico de Carballo, La Opinión da Coruña, a edición de Carballo de La Voz de Galicia ou Que pasa na Costa, e outros medios en galego e de ámbito galego, como De Luns a Venres, Galicia Confidencial, Tempos Novos, o diario dixital que acaba de nacer Praza Pública e o dixital e semanario en papel que nacerá nas próximas semanas Sermos Galiza. Os artigos presentados ao premio deberán ser inéditos, ter entre 2.000 e 3.500 caracteres e neles deberase tratar algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, co fomento da lingua galega, co argumentario a prol do uso do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a normalización lingüística, etc. O prazo de presentación está aberto até o 9 de abril de 2012. Tamén se pode obter máis información no Servizo de Normalización Lingüística, no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico normalizador@carballo.org”
As bases completas pódense descargar aquí: Premio a artigos xornalísticos normalizadores Concello de Carballo 2012.