Rexina Vega: “Hai mentalidade posfranquista nos que controlan o gusto literario”

Entrevista a Rexina Vega en El País:
“(…) – El País (EP): O tema de Dark Butterfly é tamén conta persoal, como a que enxergou Cardume?
– Rexina Vega (RV): Esta novela é unha catarse, precisaba escribila. Evidentemente é literatura, pero tamén hai elementos biográficos moi fortes. Sei do que falo cando enfío o tema da loucura. A miña irmá morreu como morre a protagonista, o resto pode ser ficción. (…)
– EP: Hai moita beatería aínda, na busca dunha lóxica literaria para os valores marxinais?
– RV: Eu creo que esa pacatería, sistémica, está relacionada cos axentes que controlan o gusto literario neste país, moi poucos e excesivamente homoxéneos. Diría que forman parte dunha xeración entre 50 e 60 anos, cun percorrido vital e profesional semellante. Xente que reflicte a mentalidade posfranquista, aínda preto do noso pasado, un modelo traumatizado na súa relación coa identidade, co corpo, coa intimidade… É a historia aínda non salvada.
– EP: É tan visíbel?
– RV: A min chámame a atención que no mundo editorial non haxa practicamente figuras femininas, ou a reducida porcentaxe de críticas. E sobre a crítica apuntaría a sua excesiva connivencia coa edición. As obras máis visíbeis son aquelas que se publican non por aposta editorial, senón polo consenso de críticos que repiten nos xurados dos premios. E tamén diría que urxe apartar aos profesores da literatura.
– EP: Que relevo hai para un modelo esgotado?
– RV: O refluxo actual está a facer que se desmonte o espellismo artellado nos últimos trinta anos: nunca houbo un sistema sólido abondo, e o que hai esfarélase agora. Iso pódenos axudar a reformular estratexias que partan da conciencia de que, como literatura sen Estado, debemos deixar de pensar e facer como se fósemos o que non somos. É evidente que non temos mercado, agora só temos compromiso coa cultura. Nese sentido, a nosa cultura debería funcionar nun espazo cidadán fóra da institución, e iso, a Rede, xa é real. Pero esa visión esperanzadora significa rachar con todos os modelos do establishment. (…)”