Entrevista a Ángel de la Cruz en Praza:
“(…) Arrugas é un proxecto arriscado, a adaptación do álbum de Paco Roca centrado na demencia senil e o alzheimer e a vida nunha residencia de anciáns. Precisamente hai uns días un grupo de traballadores dun xeriátrico compostelán, na Volta do Castro, enviáronlle a Alberto Núñez Feijoo unha entrada para ir ver o filme ao cinema e así coñecese como transcorre a vida nun centro destas características, “xa que non se digna a visitar os seus propios centro de traballo”, explicaban.
– Praza (P): Arrugas é o terceiro filme dirixido por ti que acada un Goya. As sensacións son as mesmas que a primeira vez?
– Ángel de la Cruz (ÁC): Non, non é a mesma sensación. Cando nos deron o Goya por O bosque animado non o esperabamos, non nos coñecía ninguén. Pero de todos os xeitos, este premio ao mellor guión adaptado devolveume esas sensacións da primeira vez, porque non contabamos con el. Foi moi emocionante. (…)
– P: O premio certifica o bo momento da animación galega?
– ÁC: Comeza a recoñecerse a Galicia, non só en España, senón en todo o mundo, como un sitio no que somos expertos en animación. E é importante manter esa sona. Constato, cando vou a Madrid, que a xente pode non recoñecer que unha película é dun ou doutro director, dunha produtora ou doutra, de Filmax ou Dygra, pero eles si que a asocian con Galicia, co bo facer da animación galega.
– P: Tes novos proxectos? Volverás adaptar unha novela gráfica?
– ÁC: Teño entre mans algúns proxectos, unha adaptación, aínda que non de novela gráfica, de momento. Pero non o desboto.”