Reportaxe en El País:
“O nacionalismo galego ten unha fundación literaria e máis diverxencias contemporáneas coa literatura, sobre todo desque tocou poder. Un escritor pode ser marxinado, pero é raro que traduza ese silencio expresivo como un xeito de dicirlle “se non está contento, que marche”. O que non pode é ser expulsado do sistema literario nin escindirse del. Nun escenario de ruptura do nacionalismo político aleado na marca BNG durante os últimos trinta anos, críticos e escritores propoñen liñas de fuga para entender a relación entre a ideoloxía auroral e o campo literario. Moi trabada, como en todas as culturas que aínda loitan pola supervivencia, o que sempre alimenta o indicíbel. O que se di pero non se asina. (…)
A traxectoria de Xosé Luís Méndez Ferrín, o máis parecido a un escritor nacional —o secretario xeral da UPG, Francisco Rodríguez, apúxolle algunha vez o sonsonete a Lois Diéguez—, daría para tracexar unha historia apócrifa do canon literario en Galicia. Con alusións idealistas —a Ilustración en Galicia—, Ferrín nega que o discurso literario suplantase algunha vez o histórico: “Desde María Francisca de la Isla ou Cornide, o discurso literario en Galicia sempre foi comprometido e autónomo”.
Dende outra xeira, para Dolores Vilavedra habería que empezar por Rosalía. “É na súa obra onde se insire unha idea de nación a escala humana”. A autora do último manual histórico de literatura galega menciona o “obrigado divorcio”, tras a guerra, “entre o discurso literario e o de reivindicación nacional”. Sobre o papel, é o pouso da Nova Narrativa o que permite, avanzados os 70, “debuxar un escenario de diversidade”. “Hai un sector de público que demanda unha literatura coa que identificarse ou satisfacer ese pulo nacionalista, cun sector do nacionalismo ortodoxo que premia este traballo, e hai un sector da sociedade á que non lle interesa nada iso en termos literarios”. (…)