Convocados o XXI Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, VII Manuel María de literatura dramática infantil e X Barriga Verde de textos para teatro de monicreques

As bases, que se poden consultar integramente aquí, dispoñen o seguinte:
“O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais levaba anos convocando os seguintes premios literarios, co fin de incentivar a creación literaria no ámbito do teatro: premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, premio Manuel María de literatura dramática infantil e premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. A Agadic, na súa condición de entidade sucesora do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais, considera oportuna a continuación de tales premios e por iso establece as bases reguladoras e convoca a XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, a VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e a X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, consonte coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto e réxime xurídico.
Por medio desta resolución establécense as bases reguladoras e anúnciase a convocatoria para o ano 2012, baixo o réxime de concorrencia competitiva, da XXI edición do premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, da VII edición do premio Manuel María de literatura dramática infantil e, en colaboración coa Asociación Cultural Barriga Verde, da X edición do premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques en dúas modalidades: para rapaces e para adultos, segundo o público a que vaian dirixidos os textos. A concesión dos premios rexerase por estas bases, pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; e, subsidiariamente, pola Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións.
Segunda. Dotación e imputación orzamentaria.
Existirá un único galardoado por premio (e modalidade, no caso do premio Barriga Verde), coa seguinte dotación económica:
Álvaro Cunqueiro: 6.000 €.
Manuel María: 6.000 €.
Barriga Verde (modalidade infantil): 6.000 €.
Barriga Verde (modalidade para adultos): 6.000 €.
Estas cantidades serán imputadas aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para este exercicio 2012, con cargo á aplicación orzamentaria da Agadic 11.A1.432B.480.0, acreditándose a existencia de crédito adecuado e suficiente, e estarán suxeitas ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión. Coa finalidade de difusión cultural que compete á axencia, a Agadic poderá editar os textos premiados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición durante un período de dous anos desde a comunicación do ditame.
Terceira. Participantes, incompatibilidades e motivos de exclusión.
Poderán optar aos premios persoas físicas que presenten textos teatrais inéditos escritos en galego conforme a normativa vixente, non representados nin premiados anteriormente noutros concursos ou convocatorias. Tal como se indica na base cuarta, nos textos non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato; o incumprimento deste punto provocará a exclusión do proceso. Os textos serán de tema e extensión libres, tendo en conta o principio de duración normal dun espectáculo completo para cada un dos premios. Quedan excluídos os textos para teatro de monicreques nos premios Álvaro Cunqueiro e Manuel María. En cada un dos premios ou modalidade quedarán excluídos os orixinais que resulten ser obra de autores premiados nas dúas convocatorias inmediatamente anteriores. Nesta mesma liña, os autores que resulten galardoados na edición 2012 non se poderán volver presentar nas dúas convocatorias posteriores do premio ou modalidade acadados. Durante o proceso de resolución desta convocatoria, os participantes teñen a obriga de comunicar á Agadic a concesión de calquera premio que obteña a obra presentada no momento en que esta situación se produza, o que dará lugar á súa exclusión do proceso. Non poderán acceder a estes premios os participantes que se atopen afectados por algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2.º e 10.3.º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Cuarta. Forma e prazo de presentación.
• Textos.
Os textos deberán ser presentados por sextuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, paxinados e grampados ou encadernados. Na portada de cada unha das copias indicarase unicamente o título e/ou lema e o premio a que optan e no caso do Barriga Verde, especificando, ademais, a modalidade (rapaces ou adultos). Nos textos non poderá figurar ningún dato que poida identificar o participante e romper o anonimato.
• Documentación.
Acompañando os textos, os participantes nesta convocatoria deberán entregar un sobre pechado que reflicta no exterior os mesmos datos que na portada dos textos presentados (título e/ou lema e premio a que optan, coa modalidade no caso do premio Barriga Verde). No interior deste sobre pechado deberá incluírse:
– Solicitude de participación debidamente cuberta e asinada segundo o anexo que figura ao final destas bases.
– Fotocopia do DNI, NIF, NIE, pasaporte ou documento equivalente. O solicitante poderá autorizar a Agadic o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, tal e como se establece na solicitude. Neste caso, a fotocopia do documento de identidade non será exixida.
– Declaración asinada polo autor de que o texto presentado non foi publicado nin premiado.
• Prazo e lugar de admisión.
O período de admisión remata o 11 de xuño de 2012.
O envío debe ser realizado ao seguinte enderezo, con indicación do premio (e, no caso do Barriga Verde, da modalidade) a que se presentan: Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), rúa da Vesada s/n, San Lázaro, 15703 Santiago de Compostela. Así mesmo, poderase presentar no Rexistro Xeral da Agadic, así como nos servizos ou rexistros correspondentes da Comunidade Autónoma, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, e na súa disposición adicional 18.ª. No suposto de optar pola opción do correo certificado, o envío deberá ser datado e selado por Correos na parte exterior. Ao abeiro do establecido no artigo 20.3.º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a presentación da solicitude de participación nestes premios comportará a autorización á Agadic para solicitar as certificacións de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, así como de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias co Estado e coa Seguridade Social. Estes requisitos deberán acreditarse, en todo caso, antes da tramitación dos pagamentos. Non obstante, se por razóns técnicas ou doutra índole estes certificados non puideren ser obtidos polo órgano xestor, poderán serlle requiridos ao premiado.
Quinta. Instrución e tramitación das solicitudes.
A dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos e departamentos xestores, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos recollidos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, correspondéndolle realizar de oficio cantas actuacións xulgue necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar o ditame de concesión dos premios. En particular, terá atribuídas especificamente as funcións de tramitación das solicitudes e orixinais presentados, a instrución e o requirimento aos solicitantes da emenda ou achega da documentación necesaria que resultar de obrigado cumprimento para o procedemento de concesión; todo isto consonte o procedemento recollido no artigo 20.5.º da Lei 9/2007. Para a adxudicación dos premios serán tidos en consideración os criterios e puntuacións que se recollen na base sétima desta resolución.
Sexta. Xurado.
Para a valoración dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Actuará como secretario, con voz e sen voto, un membro do cadro de persoal da Agadic proposto pola dirección da Axencia. Os membros do xurado serán designados polo presidente do Consello de Dirección da Agadic, que nomeará, pola súa vez, de entre eles, o seu presidente. A súa composición farase pública no momento de se producir o ditame. O xurado actuará en pleno e será necesaria a asistencia, como mínimo, de dous terzos dos seus membros. As súas deliberacións serán secretas, e da decisión redactarase a acta correspondente, que será asinada polo presidente e o secretario. Os membros do xurado non poderán presentar textos a esta convocatoria. Os premios poderán ser declarados desertos se así o considera o xurado.
Sétima. Criterios de valoración, exame e proposta de resolución: ditame do xurado.
O xurado, tendo en conta os criterios de valoración que se especifican a seguir, relacionará os textos presentados por orde de prelación na acta correspondente. O xurado, á hora de avaliar os textos presentados, terá en conta os seguintes criterios de valoración:
a) Calidade literaria: 30 puntos.
b) Calidade dramática: 30 puntos.
c) Viabilidade escénica: 20 puntos.
d) Adecuación á especificidade de cada premio: 10 puntos.
e) Coidado da lingua: 10 puntos.
A dirección da Agadic, á vista da acta, elaborará a proposta de resolución e elevaraa á Presidencia do Consello de Dirección da Axencia, indicando o título dos textos premiados, o seu autor e o importe económico do premio correspondente. A proposta de resolución deberá motivar a valoración dos criterios, xustificando oportunamente a diferente puntuación entre os participantes.
Oitava. Resolución, comunicación da decisión e prazo de aceptación dos premios.
O órgano competente para a resolución dos premios establecidos nesta convocatoria é a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, que resolverá o procedemento de concesión no prazo de quince días desde a data de elevación da proposta de resolución. A resolución producirase antes do 30 de novembro de 2012 e darase a coñecer a través dos medios de comunicación ou ben en acto público, sen prexuízo da súa publicación na páxina web da Agadic. Os galardoados deberán aceptar de forma expresa a concesión do premio no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da comunicación. Transcorrido este prazo sen comunicar a aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada. De non se notificar resolución favorable dentro do prazo indicado no parágrafo 1.º, entenderanse desestimadas por silencio administrativo as solicitudes correspondentes. Contra esta desestimación presunta, así como contra a resolución expresa de adxudicación de premios, poderá interpoñerse no prazo dun mes recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, ou interpoñer directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o órgano xurisdicional competente, na forma e nos prazos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Novena. Publicidade das obras premiadas.
A Agadic publicará no taboleiro de anuncios dos seus servizos centrais e no Diario Oficial de Galicia unha relación que conteña os puntos indicados na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Así mesmo, e de conformidade co establecido no artigo 13, punto 5.º d), da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, a Agadic publicará na súa páxina web unha relación dos beneficiarios dos premios, polo que a presentación da solicitude leva consigo a autorización para o tratamento dos datos dos premiados e a súa publicación na páxina web da Agadic e no Diario Oficial de Galicia. Os datos relevantes referidos ás axudas, subvencións ou premios recibidos, así como as sancións impostas, incluiranse nos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións, regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores e como cautela prevista no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (e coa finalidade de protexer a identidade e os datos persoais dos participantes nesta convocatoria), na relación publicada na páxina web e no taboleiro de anuncios desta Axencia unicamente se fará constar unha referencia aos datos dos participantes que resultasen premiados, quedando preservados e debidamente protexidos a identidade e demais datos persoais dos restantes participantes na convocatoria.
Décima. Pagamento dos premios.
Os premios outorgados por estas bases serán aboados dentro do exercicio económico 2012, unha vez que quede debidamente acreditada a identidade do autor. Así mesmo, e dado que o requisito de achega da documentación necesaria para a xustificación e cobramento do premio xa foi cumprido mediante a presentación da solicitude de participación, non será necesario presentar ningunha outra documentación complementaria para a súa liquidación, coa excepción do certificado bancario co número de conta de que sexa titular o adxudicatario.
Décimo primeira. Retirada de orixinais non premiados.
Os textos non premiados poderán ser retirados das oficinas da Agadic, logo de presentación de solicitude de retirada asinada polo autor e identificación no momento da súa recolla, nun prazo de trinta (30) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto.
Décimo segunda. Información e control.
Os beneficiarios dos premios quedan sometidos ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ou polo Consello de Contas, segundo a súa normativa propia. Ademais, deberáselle facilitar á Agadic toda a información e documentación complementarias que xulgue precisas para a concesión ou aboamento do importe dos premios.
Décimo terceira. Supostos de reintegro.
Procederá o reintegro total do premio concedido e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do aboamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos de incumprimento por parte dos beneficiarios dos premios das condicións establecidas para a concesión ou, de ser o caso, os supostos previstos nos artigos 32 e 33 da Lei de subvencións de Galicia, aprobada pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Décimo cuarta. Aceptación e desenvolvemento das bases.
A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A dirección da Agadic poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta convocatoria.”