Entrevista a Manuel Lorenzo Baleirón e María Lorenzo, gañadores do Premio Xerais 2012, en Praza:
“(…) – Praza: Tonas de laranxa nace dun conto escrito por María hai xa uns anos. Como foi?
– Manuel Lorenzo: Si. A miña filla escribiu un conto hai xa tres ou catro anos. A min gustoume moito, pola súa frescura, a súa linguaxe nova… María estudou Comunicación Audiovisual e o conto tiña algo de relación co mundo do cine, cunhas imaxes moi impactantes… Eu quería que ela o pulise. Insistín ano tras ano, ata que lle dixen que ou o facía ela ou me poñía eu con ela ao lado. E así fixemos. Fomos dándolle forma entre os dous, nun proceso de intercambio e diálogo. Os dous faciamos propostas, chegabamos a acordos… O conto está influenciado polo que María estaba lendo daquela: Cunqueiro, Eusebio -irmán meu e tío dela-, polas novelas de Anxo Angueira… É prosa poética, que cremos que é tan válida ou máis para enfrontar o mundo ca calquera outro medio. É un xeito de tentar comprender o mundo e transformalo. Eu non quería traizoar o espírito do conto, a súa frescura. De todos os xeitos penso que as obras son sempre de todos, e non é falsa modestia: o galego que usamos é da xente…, e os escritores son tamén os lectores…
– María Lorenzo: Foi hai tres ou catro anos cando escribín o conto, si. Fíxeno en quince ou vinte días, e aí quedou. Desde aquela non volvín escribir moito: escribo de xeito ocasional, e para min, textos pequenos. Si nos influenciaron lecturas comúns, como Cunqueiro. De feito o libro comeza cunha cita de Si o vello Simbad volvese ás illas. Eu acababa de ler Merlín e familia cando o escribín, e interésame moito esa mestura súa do imaxinario co real. (…)”