Entrevista con Santiago Lopo

Entrevista con Santiago Lopo en Galaxia:
“(…) – Galaxia: A novela coa que vostede acaba de obter o Premio García Barros presentouse baixo o lema Tempus fugit e o seu título definitivo vai ser Hora zulú, ¿cal é a relación entre o tempo que escapa e esa hora concreta que se cualifica co xentilicio zulú e que parece indicar un tempo fóra do común, mesmo “exótico” ou esotérico?
– Santiago Lopo: Unha das ideas que quería transmitir é que a humanidade etiquetou o tempo para entendelo mellor, pero trátase simplemente diso, dunha etiqueta. Un mesmo instante é vivido simultaneamente en todo o planeta, a pesar de que teñamos diferentes fusos horarios. Esa idea de simultaneidade interésame, igual que o concepto de tempo non-liñal. As nosas vidas non son liñais. Aínda que busquemos un fío condutor para entender mellor o transcorrer do tempo, unha gran parte da nosa vida pasámola nos soños, no pasado que recordamos e no futuro que imaxinamos. Boa parte dos físicos actuais coinciden en que o tempo realmente non existe, é unha invención que nos permite vivir máis facilmente. (…)