Bases do Certame Benito Losada de Banda Deseñada 2012

BASES

OBXECTO E FINALIDADE. As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense convocan o Certame Benito Losada de Banda Deseñada para fixar na memoria colectiva a súa actuación desinteresada, aberta, creativa e impulsora tamén neste ámbito no que propiciou a incorporación ao mundo artístico/profesional de xóvenes autoras/es galegas/os de banda deseñada.
MODALIDADE. Historias en cómic de non máis de 8 páxinas e non menos de 5, con técnica e tema abertos.
PARTICIPANTES. Poderán participar, de forma individual ou colectiva as/os cidadáns con domicilio en Galicia, que non superen a idade de 30 anos antes do 1 de xaneiro de 2013.
INSCRICIÓN E DOCUMENTACIÓN. As/os participantes deberán cumplimentar o formulario de inscrición incluído máis abaixo adxuntando ademáis a documentación nel requerida ou imprimilo e cumplimentalo acompañando a seguinte documentación:
– Currículo artístico: máximo 280 palabras
– Fotocopia do documento nacional de identidade, no caso de cidadáns galegas/os, ou
– Fotocopia do NIE no caso de cidadáns non españois.
– Dossier formado por unha, dúas ou tres historias curtas, en formato máximo de DIN A3; poden ser orixinais ou estar xa previamente publicadas (neste caso, a/o participanta/e deberá garantir a cesión gratuita dos dereitos de reprodución a efectos da súa difusión impresa e electrónica no marco das publicacións das propias Xornadas de BD de Ourense).
ENVÍO DA DOCUMENTACIÓN CANDO A INSCRICIÓN NON SE FAI VÍA WEB. Nunca se enviarán as obras orixinais, senón copias impresas dixitalmente en alta calidade debidamente protexidas ou soportes dixitais –chave USB, CD, DVD– cos arquivos a tamaño real, con 300 ppi de resolución, en formato TIFF comprimido con LZW, PDF para impresión en alta calidade ou en JPG cun nivel de calidade máximo.
A documentación que consta do formulario de inscrición, o currículo, o documento de identidade e o dossier, e que en ningún caso será obxecto de devolución, se enviará a:
Proxecto Fundación Benito Losada / Difusora de Letras, Artes e Ideas
A/A Óscar Iglesias
Rúa Bedoya, nº 5 pisos 1º e 2º dta – 32004 Ourense
PRAZOS. No caso de utilizar o formulario web o prazo de presentación finalizará o 15 de setembro de 2012 ás 24 horas.
No caso de utilizar envío postal ou similar o prazo de presentación será do 1 ao 15 de setembro de 2012 ás 24 horas.
En ambos casos, no suposto de documentación incompleta ou errónea, requirirase a subsanación no prazo de 5 días.
O XURADO. Un xurado independente designado pola organización das XXIV Xornadas de BD de Ourense, seleccionará até un máximo de 5 participantes, cuxas obras comporán a exposición do certame e entre eles, os premiados. O seu fallo será inapelable.
PREMIOS. O xurado concederá os seguintes premios:
– Un 1º premio de 1.000 euros.
– Un 2º premio de 400 euros.
– Un 3º premio de 200 euros.
En caso excepcional o xurado poderá declarar deserto algún dos premios.
DIFUSIÓN DAS OBRAS PREMIADAS. As Xornadas de Banda Deseñada de Ourense producirán unha exposición coas obras das/os artistas seleccionadas/os con vontade itinerante e as colgarán en PDF na páxina web facendo unha difusión exahustiva delas entre medios periodísticos e profesionais. Está ademáis en trámite o patrocinio da súa publicación impresa.
RESOLUCIÓN FINAL. A participación neste certame leva implícita a aceptación inapelable das bases e do fallo do xurado.