Agustín Fernández Paz fala por vez primeira sobre O rastro que deixamos

“Coincidindo coa súa presenza o 6 de agosto de 2012 na Feira do Libro da Coruña, Agustín Fernández Paz fala do seu novo libro, O rastro que deixamos, que publicará Xerais na súa serie Crónica o vindeiro mes de outubro. Na entrevista Agustín define O rastro que deixamos como “un libro que está escrito cos fíos da vida sen tinguilos coas cores da ficción porque é un libro cunha carga autobiográfica moi grande”. Continúa dicindo que “recolle algúns textos que xa publicara en lugares dispersos e outros inéditos que abordan dous aspectos: un deles cuestións relacionadas coa miña biografía e outro reflexións sobre o traballo de escritor. Aquí está a memoria da infancia, a memoria da descuberta da literatura, do cine e dos cómics, a Vilalba dos anos 50 e 60″. Despois de agradecer o traballo de edición dos textos realizado por Isabel Soto, Agustín explica que o título está tirado dunha frase que aparece na novela Todo canto amei de Siri Hustvedt, a muller de Paul Auster, “que fai referencia a que os libros que imos publicando son como rastro de pedriñas que deixaron Hansel e Gretel”.” Vía Xerais.