“María López Sández (profesora no IES Xulián Magariños de Negreira e na Facultade de Ciencias da Educación da USC) é a gañadora da sexta edición do Premio de Narrativa Breve Repsol, que se deu a coñecer onte nun acto na refinería coruñesa. A forma das nubes é a obra que resultou gañadora no que foi a edición máis participativa, xa que o xurado tivo que escoller entre 41 orixinais. Xavier Alcalá, como portavoz do xurado gabou a calidade da novela, e indicou sobre ela que: «É unha novela que gaña ritmo, forza e calidade segundo avanza a historia, é moi suxestiva e está chea de referencia ao cine e á literatura». A obra será editada por Galaxia en novembro. María López Sandez xa conta no seu currículo con outro galardón, o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio do 2007 pola obra Paisaxe e nación: a creación discursiva do territorio. (…) Ao acto tamén asistiron César Gallo Erena, vicepresidente da Fundación Repsol, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que se referiu ao Premio de Narrativa Breve Repsol como «unha mostra de responsabilidade social co ámbito territorial no que a empresa está radicada que conta cunha importante acollida tanto por parte de escritores noveis como dos xa consolidados dentro do sistema literario galego».” Desde Galaxia.