O vindeiro sábado 15 de setembro é o último día para visitar, na Galería Sargadelos de Santiago, a exposición de ilustracións de David Pintor para o caderno de viaxe Compostela, editado por Kalandraka. Con motivo da clausura da mostra, David Pintor será o guía dun roteiro a pé por algúns dos espazos emblemáticos representados nesta obra, na zona monumental da cidade. Un paseo ilustrado por Compostela con David Pintor comezará ás 12:00 na Galería Sargadelos, onde o ilustrador comentará os aspectos máis salientables das 15 imaxes que compoñen a exposición para, posteriormente, iniciar un percorrido no que o público poderá comparar os referentes urbanos reais coas representacións gráficas.