“Hai xa tres anos, un grupo de pequenos editores, coa característica común de residir na capital galega, xuntábanse para compartir gastos e organizar algunha actividade. Resultado deste encontro, Editores de Compostela está amosar nos últimos meses unha destacada creatividade á hora de achegar o libro aos lectores, con propostas como o Outlet do libro ou o Exprés Literario. A semente do colectivo, composto na actualidade por Edicións Positivas, Alvarellos, Sotelo Blanco e Urco, xurdiu no maxín de Francisco Macías, de Positivas. “Eu fixen un chamamento hai xa catro ou cinco anos no seo da Asociación Galega de Editores para contactar cos outras firmas de Compostela, fundamentalmente con vistas a compartir gastos como os de hotel ou transporte para irmos a feiras”, explica Macías. “Ao final a xuntanza non se daba feito, e hai cousa de tres anos conseguín reunirme con Quique Alvarellos e Chelo de Sotelo Blanco e botámolo andar. Despois coñecín a Tomás de Urco, que se sumou ao proxecto. A convocatoria segue aberta se alguén máis se quere integrar”, puntualiza. Henrique Alvarellos, pola súa banda apunta que “aínda que os integrantes, por dicilo dalgún xeito, somo catro, sumamos colaboracións puntuais con outros selos da cidade, e estamos abertos a aproveitar sinerxias a nivel de comunicación ou de asistencia a feiras”. (…)”. Desde Cultura Galega.