“O portal en internet para a literatura galega traducida ao inglés, Portico of Galician Literature, incorpora novos escritores e escritoras co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Xavier Alcalá, Teresa Moure, Antón Riveiro Coello e Suso de Toro xa forman parte deste proxecto, que ten como obxectivo ir medrando progresivamente para se converter nun referente da literatura galega para o mundo anglófono e, en xeral, para a proxección internacional da literatura galega. Este escaparate internacional da literatura galega a través da rede, promovido pola Secretaría Xeral de Cultura, permite ler en inglés información destes escritores, xunto con sinopses da súa obra. O proxecto foi posto en marcha este ano con información sobre o autor Agustín Fernández Paz e cunha tradución dun fragmento da súa obra Aire negro. Proximamente tamén estarán dispoñibles a través deste portal traducións de fragmentos das obras dos escritores que se acaban de incorporar, para poder dar a coñecer unha pequena, pero significativa, mostra dos seus traballos literarios.” Desde a Secretaría Xeral de Cultura.