I Premio de microrrelatos Mulleres Progresistas

BASES DO I PREMIO DE MICRORRELATOS MULLERES PROGRESISTAS

Poderán participar todas as Mulleres que o desexen, de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos, que deberán ir escritos en galego normativo.
O tema será o empoderamento das mulleres, entendido consonte á estratexia definida na IV Conferencia Mundial das Mulleres de Beijing nos seus tres niveis de transformación: o individual, posibilitador de cambios orientados á consecución dun maior autorrespecto e confianza, así como de poder de negociación dos propios intereses; o colectivo, posibilitador dos cambios encamiñados á promoción de vínculos, apoios e recoñecemento mutuo para a defensa dos intereses comúns e, por último, a transformación social que proporciona cambios dirixidos a visibilizar e valorar ás mulleres na sociedade e a eliminar as discriminacións de xénero existentes.
Enlazando o carácter reivindicativo coa vertente literaria, o microrrelato terá por tanto unha natureza narrativa e non de mera proclama. Serán valorados aspectos como a calidade literaria e a orixinalidade das obras, así como de adecuación ao tema central do concurso.
Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluído o propio título).
As obras serán orixinais e inéditas, non estando difundidas por ningún tipo de medio, nin en papel, nin electrónico. Se calquera dos microrrelatos presentados a este concurso incumprise tal requisito, tivese recibido premio ou estivese pendente de resolución noutro certame, quedaría automaticamente descalificado. Tampouco serán admitidos aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, ao honor e á propia imaxe de terceiros/as ou que poidan ter connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias. As autoras responden ante a organización da autoría e orixinalidade do microrrelato.
Segundo o número e calidade dos microrrelatos recibidos designaranse entre 5 e 10 finalistas, entre as que se elixirán os premios do certame:
1º Premio: 300 euros, figura e diploma.
2º Premio: 200 euros e diploma.
3º Premio: 100 euros.

Presentación pública das bases en outubro de 2012.
Os traballos presentaranse no formulario que consta na web da asociación, apuntando tamén o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto. No caso de participantes menores de idade, no momento de aceptar as presentes bases, terán que estar asistidas por quen ostente a súa tutela legal, quen deberá encher os apartados correspondentes do formulario de envío dando o seu consentimento.
O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 31 de decembro de 2012. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.
Mulleres Progresistas non manterá correspondencia acerca dos orixinais enviados.
O fallo do xurado publicarase o 8 de marzo de 2013, Día Internacional dos Dereitos das Mulleres, podendo quedar desertos calquera ou todos os premios se as obras presentadas non reúnen unha calidade mínima. O xurado estará formado por mulleres do mundo do asociacionismo feminino, as Letras e a Cultura, sendo inapelable a súa decisión. Dentro do xurado estará unha representante de Mulleres Progresistas.
Os microrrelatos premiados e finalistas, así como aqueles que o xurado estime dignos de difusión, serán colgados na web da Asociación Mulleres Progresistas, polo que as autoras ceden gratuitamente os seus dereitos editoriais sobre os mesmos á entidade organizadora.
En cumprimento da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de Protección de Datos de Carácter Persoal, os datos das participantes non serán comunicados ou cedidos a terceiros. Coa participación neste certame, as autoras dan por autorizada a publicación do seu nome e imaxe na web da asociación, prensa e medios de comunicación co fin de divulgar e a dar a coñecer ás gañadoras, finalistas e mencións especiais do concurso. Aquelas autoras que o desexen poderán exercitar os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición dirixíndose por escrito a Mulleres Progresistas, Rúa Policarpo Sanz, 12-14, 2º B, 36202, Vigo, axuntando unha fotocopia do seu DNI.
O xurado é o encargado de interpretar exclusivamente as bases deste concurso. A presentación ao mesmo supón a total aceptación das bases.