Inacio Vilariño e Iván Suárez: “Castelao non é máis coñecido fóra por como está estruturado o Estado español”

Entrevista a Inacio Vilariño e Iván Suárez en Dioivo:
““Tiñamos unha materia prima de primeira calidade que non precisaba de gran elaboración”. Así, con esta metáfora tan axeitada, explica o debuxante Iván Suárez o cerne do seu traballo en Titoán e O pobre tolo, as dúas primeiras entregas da serie de oito volumes que Demo Editorial e a Librería Komic están a preparar arredor da biografía de Castelao. “O estilo que utilizamos está principalmente ao servizo do guión. Necesitabamos contar unha historia complexa de forma sinxela. As imaxes non podían distraer o que para nós era a principal: a propia historia de Castelao. E todo isto para min foi un reto moi grande porque ata o momento o meu rexistro como debuxante fora todo o contrario”, engade. E o resultado é o agardado polos autores: Suárez nos debuxos, e Inacio Vilariño no guión. Unha banda deseñada sen efectismos, sen dramatismos malia a dureza de parte do relato, e sen mitificacións, que escolle distintos aspectos da vida de Castelao para responder a unha pregunta con múltiples respostas posibles: quen era?, e atraer así ao lector cara á propia obra de Castelao. “Porque o obxectivo último é que a xente vaia a el, que lea os seus libros, que saiba máis del”, indica Vilariño. (…)”.