“A saída do prelo de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro cumprirá o ano vindeiro o 150º aniversario. A saída desta obra, datada por algúns un 17 de maio, servira a Francisco Fernández del Riego a principios dos anos sesenta para propoñer o Día das Letras Galegas. Con este referente da nosa literatura o Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu celebrar entre os meses de febreiro e xuño de 2013 un congreso dedicado a súa figura. O anterior congreso sobre a figura de Rosalía de Castro celebrárase en 1985. Ramón Villares, presidente do CCG, explicou na presentación desta iniciativa que terá lugar o ano vindeiro que agora hai outros obxectivos. “Buscamos outras olladas”, asegurou, “procurando a vixencia de Rosalía no século XXI”. Os tempos mudan, hai máis información e máis medios. Por este motivo unha parte do Congreso será virtual, un xeito máis económico e produtivo de que participen investigadoras e investigadores de todas partes do mundo. Despois de tantos anos desde o anterior congreso as achegas serán importantes “mais non revolucionarias”, como indica María do Cebreiro, membro da comisión organizadora. Como exemplo puxo o traballo de Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda con nova documentación ao redor das figuras materna e paterna de Rosalía. “Achegará novas informacións”. O Congreso celebrarase as últimas quintas de cada mes desde febreiro até xuño de 2013 de maneira presencial no propio CCG e tamén de forma virtual. Na Comisión organizadora figuran, ademais de María do Cebreiro, Rosario Álvarez, Anxo Angueira e Dolores Vilavedra.” Desde Sermos Galiza.