Na lembranza de Xoán González-Millán, por Dolores Vilavedra

Artigo de Dolores Vilavedra en Galaxia:
“Hai dez anos falecía en New York, víctima dun accidente de tráfico, Xoán González-Millán. O 2002 foi un ano duro: recén encetado perdíamos Carlos Casares e, cando case lle puñamos cabo, veu mancarnos esoutro pasamento inesperado. Os camiños vitais de Xan e Carlos cadraron moito máis do que a simple vista poida parecer, e por iso quero lembralos hoxe aquí. Alén desa morte súpeta e prematura que disque o destino lle ten reservada aos eleitos, ambos eran moi semellantes no vital e no intelectual: moi amigos dos seus amigos e amantes incondicionais da tertulia, os parrafeos nocturnos na casa de Vilariño eran unha competición de enxeño, e para os convidados un espectáculo ver faiscar senllas intelixencias. Carlos foi o mellor cómplice que Xan puido atopar para botar adiante os seus proxectos, tanto tempo soñados, para unha Galicia mellor, máis culta, crítica, lúcida e competente. Procurar o talento alí onde estivese, e darlle ocasión de desenvolverse, foi tamén unha teima común, que axiña deu froitos logrados: se o Anuario de estudios literarios galegos se fixo realidade a partir de 1992 foi polo apoio incondicional de Carlos, que lle abriu a Xan, de par en par, as portas de Galaxia. Carlos e Xan combinaban un don singular que era a capacidade de exercer a crítica sincera cunha dose de cordialidade que anulaba calquera efecto colateral non desexado. Conscientes de que a este país lle sobraba compracencia e lle faltaba madurez cívica, ambos entenderon esa práctica crítica como unha faceta máis do seu compromiso íntimo con Galicia. Se no caso de Carlos ese compromiso se encarreirou máis polos vieiros institucionais (do Parlamento á dirección de Galaxia e logo á presidencia do Consello da Cultura), Xan concretouno nun mangado de libros que renovaron radicalmente os estudos literarios galegos, aínda moi ancorados nuns modelos historicistas que nin sequera o pulo estruturalista e as contribucións feitas nos 80 dende eidos como a narratoloxía conseguirán actualizar en plenitude. (…)”.