1. Poderán concorrer a el tódalas autoras e autores que presenten os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).
2. Presentaranse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun lema. Xunto coas copias achegarase un sobre pechado, identificado co mesmo lema, que conterá os seguintes datos: nome e apelidos do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico.
3. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación XVI PREMIO DE POESÍA JOHÁN CARBALLEIRA e sen remite, no seguinte enderezo: CONCELLO DE BUEU, rúa Eduardo Vincenti, nº 8, 36930 Bueu (Pontevedra).
4. O prazo de presentación dos orixinais remata o 10 xaneiro de 2013.
5. O xurado estará composto por tres persoas vinculadas á literatura galega e máis un/ha secretario/a.
6. O premio terá unha dotación única de 1.500 €, comprometéndose a imputación desta cantidade ao orzamento xeral do Concello de Bueu para o exercicio 2013 (con cargo á aplicación orzamentaria 334-48100) e a acreditación da existencia de crédito axeitado e suficiente. A dotación do premio estará suxeita ao tratamento fiscal en vigor no momento da concesión.
7. O premio inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. En todo caso, o premio, que é único e indivisible, poderá declararse deserto.
8. O premio entregarase nun acto enmarcado na Semana das Letras Galegas 2013. A decisión do xurado, ademais de comunicarse ó gañador ou gañadora da convocatoria, anunciarase a través dos medios de comunicación no transcurso da semana anterior á entrega do premio.
9. As obras devolveranse por correo postal ás autoras e autores que o soliciten no prazo de dous meses contados dende o día seguinte ao da resolución do xurado. Os traballos non reclamados en prazo serán destruídos.
10. O Concello de Bueu resérvase durante un ano os dereitos de publicación da obra premiada, en tódalas linguas do Estado. Nese sentido, o/a autor/a renuncia a favor do Concello, na 1ª edición, a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor/a. De existiren posteriores edicións deberase facer constar que a obra recibiu o XVI Premio de Poesía Johán Carballeira.
11. A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado, que será inapelable.
Máis información:
SERVIZO DE CULTURA DO CONCELLO DE BUEU
986324338 cultura@concellodebueu.org
www.concellodebueu.org