Manuel López Rodríguez gaña o XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía

Desde Nós Diario (foto do autor por Andrea Fernández Maneiro):
“Manuel López Rodríguez resultou gañador do XXVI Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario 831-Urb, que salientou de entre as cincuenta e tres obras presentadas.
O xurado, que se reuniu onte, estivo conformado polas poetas e profesoras Lucía Novas e Elvira Ribeiro, e Antón Lopo, tamén poeta e editor. Na acta, o xurado destacou que “é un libro de distopía cunha forte narratividade que ensaia unha forma de poesía híbrida, metamórfica onde o poder é descrito con crueza”.
A obra está escrita con versos rotos, prosa tecnificada e golpes de efecto que axudan a construír un libro que “pode lerse tamén como unha aventura de disfraces”.
Manuel López, poeta de Noia, cofundou o Colectivo Literario Sacou. Ten publicado libros individuais como Antítese nativa, Rompe, Desde onde non nace, Vangarda ule ou Nas pulsacións, alén de participar en revistas e volumes colectivos.
A súa obra mereceu numerosos premios de poesía, como o Suso Vaamonde, o Eduardo Pondal, o López Ardeiro, o Rosalía de Castro, o Francisco Añón do Concello de Outes, ou o Lueiro Rei, entre outros.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político nacionalista, poeta e xornalista de Bueu, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, que tamén foi alcalde de Bueu até o seu asasinato a mans dos franquistas.
Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais.”

Miguel Sande gaña o XXV Premio Johan Carballeira de Poesía do Concello de Bueu

Desde o Concello de Bueu:
Miguel Sande resultou gañador do XXV Premio Johan Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario Brinde e desespero, que salientou de entre as cincuenta e sete obras presentadas. O xurado, que se reuniu este luns, 25 de abril, estivo conformado polo profesor e crítico literario Manuel Forcadela, a poeta e gañadora da anterior edición, Xandra Táboas, e o xornalista, crítico e editor César Lorenzo. Na acta, o xurado destacou que poemario aposta pola prosa poética, e parte da autoficción para presentarnos unha lectura sobre o cotián dende o ángulo do inesperado. A obra rompe con éxito a tensión entre pensamento e sentimento, e nel a realidade do cotián fala por si mesma, cunha expresión formal contida.
O premio, dotado con 1.500 euros, naceu coma unha homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira, quen tamén fora alcalde de Bueu ata o seu asasinato a mans dos franquistas. Amais, o poemario publicarase o próximo ano na colección de poesía da editorial Xerais. (…)”

Marcos Abalde gaña o Johán Carballeira de Poesía con Alcatrán

Desde Nós Diario:
“Marcos Abalde Covelo resultou gañador do XXIII Premio Johán Carballeira de Poesía convocado polo Concello de Bueu co poemario titulado Alcatrán. O xurado, conformado por Arancha Nogueira, poeta e gañadora da pasada edición, Mercedes Queixas, escritora e mestra de lingua galega, e Lara Dopazo, poeta marinense, salientou que se trata dun poemario “cun gran traballo léxico, que canaliza as historias persoais coa colectiva, e que dignifica o local”.
Así mesmo, salienta que os versos destacan pola súa concisión, e por unha unión perfecta entre fondo e forma. Na acta, o xurado quixo mencionar tamén outra obra, Invernía, que chegou ata o final e que consideran tamén de gran calidade.
O poemario erixiuse gañador de entre os preto de sesenta traballos presentados ao certame nesta modalidade, polo que o autor farase cun premio de 1.500 euros e a publicación da man da editorial Xerais.”

Arancha Nogueira gaña o XXII Premio Johán Carballeira de poesía, do Concello de Bueu

Arancha Nogueira resultou gañadora do XXII Premio Johán Carballeira de Poesía do Concello de Bueu polo seu poemario titulado O silencio das gaivotas, polo que se fará con 1500 € e a publicación por parte da Editorial Xerais. O xurado, conformado polas poetas Míriam Ferradáns, Tamara Andrés e Berta Dávila reuniuse na tarde deste domingo e valorou o interese da proposta, “con hábil manexo da sinxeleza e da tenrura, coherencia estrutural dunha historia áxil e luminosa que é quen de conmover pero tamén de deitar achados poéticos”. Destacable é tamén a “honestidade da proposta autorial e a verdade da escrita, e os eixes temáticos aluden a unha revisión do mundo infantil, contemplado desde o rescate do paraíso perdido e do que se conserva del”. (…)”