Texto enviado desde a Fundación Penzol:
“Decir que eres
alma e espírito
corazón do país
e home de palabra
que si dices “Galicia”
e que a Terra alenta en toda parte
e a túa man traballa
(Xaime Isla)
O 26 de novembro do 2012 cúmprense dous anos do falecemento de Francisco Fernández del Riego, o noso sobranceiro intelectual e galeguista. Dende a Fundación Penzol, ademais de lembrar con señardade esta data xa referencial do seu cabodano, queremos facer partícipe a toda Galicia de que o 7 de xaneiro do vindeiro 2013 cumpriranse tamén cen anos do seu nacemento.
Estamos, pois, ás portas do Ano do seu Centenario. Efeméride que cómpre recordar e conmemorar como tal insigne e exemplar protagonista merece. Con tal motivo, facemos un chamamento a todas as entidades, institucións e colectivos galegos do mundo da política, da cultura e mais da educación, así como aos medios de comunicación, tanto públicos coma privados, e á cidadanía galega en xeral para que se sumen a esta conmemoración organizando e promovendo ao longo do ano, cada quen na medida dos seus medios e posibilidades, homenaxes e outras actividades diversas nas que se difunda a fecunda vida e obra do excelso persoeiro.
Actos ou eventos que sen dúbida, de levárense a cabo, axudarán a dimensionar e por en valor a súa inquebrantable e leal entrega e compromiso co país e coa nosa cultura, dende os seus anos de mozo universitario compostelán ata o remate da súa lonxeva vida, case centenaria. Amplitude de chamamento xustificado, entre outros coñecidos e notorios méritos de Del Riego, polo seu talante de home aberto, cordial e dialogante. Home vertebrador, home de encontros, sempre alentador e cunha actitude nomeadamente construtiva, tal que din os versos de Isla Couto, e que fan del un dos grandes valedores da cultura de nós.
Dende a Fundación Penzol, centro do que foi director e alma mater dende a súa inauguración no ano 1963 ata o recente 2010, estamos a artellar e ultimar un calendario de actividades e recoñecementos varios. Proxectos pendentes, os máis deles, para a súa realización e desenvolvemento da aprobación ou confirmación das necesarias e inevitables subvencións por parte das distintas administracións e organismos contactados. Actividades que nos gustaría facer públicas, e algunha mesmo presentar, co comezo do novo ano, que propoñemos proclamar dende xa Ano Fernández del Riego.”