Entrevista a Elena Gallego en Tempo de lecer Ourense:
“(…) – Tempo de lecer Ourense (TLO): Como xorde a idea de escribir sobre dragóns? Cales foron as súas fontes de inspiración?
– Elena Gallego (EG): O meu fillo Adrián, que daquela contaba con 15 anos, tiña o seu cuarto ateigado de dragóns e só lía literatura fantástica. Quixen demostrarlle que en Galicia, con base nas nosas tradicións e utilizando a nosa lingua, podemos crear fantásticas historias (tan boas, cando menos, como outras referencias de autores internacionais que ateigan os andeis das nosas librarías). O resultado foi Dragal. (…)
– TLO: Que valores lle gustaría transmitir coa súa obra? Hai algunha intencionalidade didáctica de cara ao lector?
– EG: Dragal é unha novela de aventuras e, a partir de aí, o universo dragaliano foise enchendo de valores engadidos. A historia de Galicia, as nosas tradicións… Eu quería que o meu fillo as descubrise e valorase, que soubese que hai “algo máis” que toda esa “cultura” que os nosos rapaces absorben cada día a través da pantalla. Tamén o valor da amizade e da lealdade están moi presentes ao longo das tres novelas.
– TLO: A que tipo de público vai dirixida a triloxía?
– EG: Dragal ten varios niveis de lectura, tanto para rapaces como para adultos. Coido que é unha gran novela de aventuras, que nalgúns pasaxes está inspirada naquelas historias que a min me gustaba ler cando moza. Lembro autores como Enid Blyton (Os Cinco), Jules Verne (Viaxe ao centro da Terra) ou Emilio Salgari. Pero os maiores defensores da triloxía son os lectores adultos, que con Dragal redescubren a maxia da lectura e aspectos da nosa cultura que descoñecían.
– TLO: Na actualidade está xa a traballar na súa nova novela. Que nos pode adiantar?
– EG: A próxima novela xa está en mans do editor e, se todo vai ben, sairá do prelo na primavera. Despois de tres anos convivindo con dragóns quixen escribir algo diferente, así que será unha sorpresa para os meus lectores.”