Desde Sermos Galiza:
“Recoller a forza da palabra de Celso Emilio. Este é o obxectivo da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL) que preparan para o próximo mércores día 12 do mes 12 do ano 2012 unha acción colectiva nos centros de ensino que consistirá en recitar Deitado fronte ao mar. O programa RecitandoCelsoemiliO convida tamén a mover as redes sociais na lembranza do poeta.
Deitado fronte ao mar é o poema escollido para un recitado que pode chegar a bater marcas no número de voces. A CGENDL convida a participar a todos os centros educativos mais a calquera persoa ou entidade nesta homenaxe colectiva que terá lugar o día 12 ás 12 do mediodía. Alén do recitado público do poema que foi publicado no libro Longa noite de pedra, o proxecto recolle tamén un envío masivo a través das redes sociais da lenda recitandocelsoemilio xunto co poema protagonista da xornada.
A CGENDL recomenda que todos os centros educativos organicen un acto conxunto nun espazo común e solicitan que se inscriban no proxecto a través dun correo electrónico remitido á coordinadora.
O obxectivo da acción colectiva é “manter viva a memoria dun dos grandes poetas galegos do século XX a través da posta en valor dun dos seus poemas máis emblemáticos”. Para alén deste recoñecemento do autor no seu centenario, a CGENDL quere manifestar tamén de maneira festiva e colectiva o seu “compromiso cívico cara a lingua galega, porque si, porque nos peta”.”