O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) acordou nomear Escritora Galega Universal a autora portuguesa Lídia Jorge. Este recoñecemento sustentase en sólidos argumentos: o seu compromiso ético coas causas da dignidade do pobo portugués e por ser creadora dunha extensa e intensa obra, valorada tanto en Portugal como nos máis diversos idiomas ao que foi traducida, no que a muller portuguesa ocupa un lugar de centralidade. Lídia Jorge é talvez a escritora en activo máis recoñecida das letras portuguesas, afirmación na que concordan a crítica máis exixente e o público lector.
Con este nomeamento, Lídia Jorge súmase á lista de Escritores/as Galegos/as Universais conformada por Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda e José Luis Sampedro.
Lídia Jorge licenciouse en Filoloxía Románica e preferiu ser profesora do ensino secundario a asistente na facultade para ter tempo para escribir. Leva 30 anos de carreira, con 15 volumes maiores alén de varias decenas de ensaios e contos. A súa mestría no dominio da lingua portuguesa fica patente neles, nun estilo de sintaxe ampla que ilumina as profundidades por onde guía con naturalidade a lectura.
O recoñecemento chegou cedo, despois de A Costa dos Murmurios (1988) que decorre na África da colonización portuguesa durante o período bélico. O éxito dese romance abriu camiño para unha adaptación fílmica de Margarida Cardoso igualmente premiada. A forza da vivencia psicolóxica das experiencias femininas xa estaba nese libro, nas dúas mulleres centrais, Evita e Helena. Tamén en Notícia da Cidade Silvestre existe un binomio feminino, Júlia Grei e Anabela Cravo. Mulleres e densidade tamén na súa máis recente obra, precedida por O Romance do Grande Gatão (2010), Contrato Sentimental (2009), Praça de Londres (2008), O Grande Voo do Pardal (2007). E anteriores que xa por aquí circularon con éxito: Combateremos a Sombra (2007), historia dun psicanalista que vai servir de pretexto para nos revelar unha ousada realidade de misterio absolutamente inesperada; O Belo Adormecido (2004), seis contos con protagonismo para xoves e adolescentes; O Vento Assobiando Nas Gruas (2002), confronto de dúas familias desemellantes, unha delas acabada de chegar de África, historia que recolleu o Grande Premio de Romance e Novela da Associação Portuguesa de Escritores, o Premio Correntes d’Escritas/Casino da Povoa, e cuxa publicación na Alemaña coincidiu co Premio Albatroz da Fundação Günter Grass polo conxunto da obra. O Vale Da Paixão (1998), Premio D.Diniz da Fundação da Casa de Mateus, Premio PEN Clube Português de Ficção, Premio Máxima de Literatura, Premio Bordallo de Literatura da Casa da Imprensa e Prix Jean Monnet de Littérature Européenne. En fin, a lista de premios, como a de títulos, é longa, como tamén a enumeración dos países onde se acha publicada, Francia, Alemaña, Brasil, EUA, España, Grecia, Suecia, Italia, Israel, Islandia, Iugoslavia, Reino Unido…
A Noite das Mulheres Cantoras é o mais novo romance de Lídia Jorge. Retrata admirabelmente, como noutras ocasións, as mudanzas nun cadro realista, histórico e social desta vez máis recente, a acción a rodopiar à volta do final dos anos 80 do século XX, e cun tema, como avisa a editora, «de inesperada audacia –o da forza da idolatría e a construción do éxito– visto a partir do interior dun grupo, narrado 21 anos máis tarde, na forma de monólogo». Grupo e construción do éxito dentro do ambiente da música, unha atmosfera exposta con autenticidade na que se inscribe a historia de varias raparigas, banda de ‘mulleres talentosas’ aí mergulladas, nunha montaxe en libro que consegue seducirnos desde a primeira á última páxina.