Manuel Rivas: “Os personaxes conduciron a escrita d’As voces baixas

Entrevista de Carme Vidal a Manuel Rivas en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza: As voces baixas está a ser aclamado pola crítica. Contaba vostede con que o seu libro máis persoal fose recibido con tanto entusiasmo?
– Manuel Rivas: Para min o importante era escribir este libro e nunca me preocupou moito o que puidese pasar despois. Precisaba escribilo e coido que parte da boa reacción que está a provocar vén precisamente desa dimensión, de ser un libro do eu e do nós. Non me estraña, por iso. Cando un libro se publica é xa un emigrante que vai de man en man e este pousa na xente. Teño a sensación de que está a ter unha boa viaxe, mais cando o escribín descoñecía a sorte que podía ter. Despois dalgúns episodios de certo éxito literario, como O lapis do carpinteiro que tivo moito impacto, ou algúns relatos como A lingua das bolboretas, pasoume algo importante. Cando escribín Os libros arden mal caín nunha especie de baleiro, nun inferno, e chegou un momento en que case deixo o libro porque o que estaba contando me producía sensación de horror. Esa historia dramática da cultura estaba a ser abondo para min, o desacougo era inmenso. Pensei que se deixaba de escribir non pasaría nada, contra esa idea transcendente do que estás a facer. Como di Elías Canetti, cando escribes tes que ter sensación de que podes parar unha guerra, mais unha cousa é que teñas esa actitude de aposta fonda e outra que pares a guerra. Reiniciei. Tirei para adiante coa idea de que tiña que seguir escribindo, non tanto polo libro senón por min mesmo. Cheguei á conclusión, mesmo un pouco egoísta, de dicir: vou escribir mesmo que remate a miña carreira. Rematara a idea de carreira literaria, mais vou continuar aínda que sexa para min só, aínda que faga haikús ou escriba na area cun garabullo como os rapaces. Esa decisión e esa sensación cambioume. Veume moi ben para entender a miña relación co oficio de escribir. Deixei de ser un abandeirado. Levoume a un compromiso coa escrita, mais esquecín o efecto público do que fago. (…)”.