Convocada a 30ª edición do Premio Xerais de Novela

Edicións Xerais de Galicia convoca a trixésima edición do PREMIO XERAIS DE NOVELA en lingua galega, dotado con 15000 euros, que se rexerá polas seguintes bases:

1ª. Poderán concorrer ao premio todos aqueles autores/as de calquera nacionalidade que presenten os seus orixinais en lingua galega, conforme á normativa vixente. Os textos presentados han ser inéditos e totalmente orixinais, non podendo ter sido comunicados, nin na súa totalidade, nin por partes, por ningún tipo de procedemento.
2ª. De cada orixinal presentaranse seis copias en papel, mecanografadas a dobre espazo e debidamente encadernadas, antes do día 8 abril de 2013 nos locais sociais de Edicións Xerais de Galicia, S.A., rúa Doutor Marañón, 12. 36211 Vigo.
3ª. Co orixinal, que deberá ser presentado baixo lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a, achegarase, en sobre pechado, o nome completo, enderezo e teléfono do autor/a,
así como o título da obra, indicando no sobre: Para o Premio Xerais de Novela.
4ª. O xurado estará composto por cinco membros, escollidos entre lectores e lectoras e un secretario con voz e sen voto en representación de Edicións Xerais de Galicia, S.A. O premio outorgarase por maioría de votos.
5ª. A composición do xurado darase a coñecer no mes de maio.
6ª. O xurado emitirá o seu fallo no curso da Festa Xerais que se celebrará o día 8 de xuño.
7ª. O premio poderá ser declarado deserto no caso de que o xurado así o estime e a decisión será inapelable.
8ª. Edicións Xerais de Galicia, S.A., que reserva os dereitos de edición sobre a novela premiada en todas as linguas, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros, poderá publicar esta sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os cinco mil primeiros exemplares vendidos estarán libres do pagamento de dereitos de autor/a.
O beneficiario/a do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os
devanditos dereitos, recibirá gratuitamente cincuenta exemplares da obra publicada.
9ª. Os orixinais non premiados poderán retirarse nos dous meses seguintes ao fallo. Os que non se retiren serán destruídos.

A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación das normas contidas nas presentes bases e as decisións do xurado que se teña designado.

Vigo, xaneiro 2013