Ribeira: o escritor Antón Riveiro Coello abriu os Xoves Literarios de abril

Desde Certo:
“Os Xoves Literarios que organiza o Concello de Ribeira a través da súa Área de Educación deron comezo na tarde de onte cunha conferencia de altura a cargo de Antón Riveiro Coello: prestixioso escritor nacido en Xinzo de Limia no ano 1964, pero que ten en Barbanza “o seu país de adopción”, segundo aseverou durante a charla pronunciada ante unha trintena de atentos oíntes na Biblioteca Municipal.
O título da ponencia, As razóns da escrita. Un país sen límites, na que Riveiro Coello desgranou os motivos que o levaron á creación literaria, nunha disertación salpimentada con numerosas anécdotas e vivencias.
Así, Riveiro Coello lembrou que naceu nunha casa na que non había libros (“o único libro que había alí eran as instrucións da máquinas Singer da miña nai”) e que un dos motivos que lle influenciou foi a gran capacidade do seu avó para narrar historias. Tamén explicou se ben parecía que os seus derroteiros artísticos parecían ir pola música (demostraba grandes actitudes coa guitarra tras recibir clases dun mestre andaluz na súa terra natal e incluso chegou a tocar nun grupo local) finalmente as circunstancias fixeron que se orientase á literatura: un feito no que resultou crucial as cartas que lle escribía á súa moza.
Ao longo da conferencia, Riveiro Coello verqueu moitas das súas opinións en torno ao mundo dos escritores e a literatura. Así, expresou a súa certeza de que os escritores escriben libros para chamar atención (“incluso aqueles que pacemos máis tímidos, máis introvertidos, temos a necesidade de sermos, de proclamar a nosa existencia”), que a literatura é unha mentira asumida por todos e que é tamén un acto de rebeldía (“todo o que escribe o fai contra algo, ás veces contra un mesmo”).
Antón Riveiro tamén explicou que unha das razóns polas que el escribe é por non ser muller. “Ter un fillo é o acto de creación máis fabuloso que lle pode acontecer unha persoa e eu non teño esa posibilidade”, subliñou, ao tempo que opinou que existe un parecido entre a escrita e o embarazo e a xestación.
Ao igual que outros autores como Carlos Casares, Bryce Echenique ou García Márquez, Antón Riveiro tamén escribe para gustar (“máis que para seducir, porque en gustar hai algo espontáneo e en seducir hai algo forzado”) e sempre pensando en persoas concretas, fundamentalmente en dúas: a súa muller (que representa ao lector máis amplo, máis sensorial) e o seu editor (que representa ao lector máis culto, máis esixente).
A ponencia aínda daría pé a outras interesantes manifestacións da vida literaria de Riveiro Coello, como que lle gusta xogar con persoas imaxinarias, que lle gusta converter en materia estética a realidade cotiá ata “habitar espazos inventados” e que ten o propósito consciente de “inventar unha linguaxe propia”, algo que o identifique e deixar constancia da súa pegada.”