Desde Disquecool:
“Se algo concluímos desta moi limitada enquisa é que hai un libro galego que destaca sobre todos os demais no que a orixinalidade se refire. É De catro a catro, de Manuel Antonio, que nós xa colocamos o ano pasado como o libro máis cool da historia da literatura galega, e que elixiron dous dos nosos escritores. Antón Riveiro Coello explica: “Porque para min segue a ser un libro diferente, fresco, orixinal, moderno. Se cadra, a mellor viaxe literaria polo mar das vangardas.” Fran Alonso detalla: “De catro a catro é –continúa a selo– un libro distinto, profundamente cosmopolita, innovador, orixinal moderno e irreverente (igual que o propio Manuel Antonio).De catro a catro é inimitable, inconformista e indomable, é dicir, un libro «in».De catro a catro é un libro incansablemente recorrente e recorrido na literatura galega, fonte continua de reescritas, de reinterpretacións desde a contemporaneidade, de incitación a navegar no mar da literatura. E é que é o noso libro máis intensamente contemporáneo, probablemente. Eu, cando tiña 18 anos, sentaba diante dun radiocasete co libro De catro a catro entre as mans e recitaba poemas que gravaba unha e outra vez. Desde as páxinas de De catro a catro un pode aprender a vida e a literatura. Aprender o mundo. É unha viaxe profunda, unha viaxe axitada, unha viaxe iconoclasta e intemporalmente actual.De catro a catro é o libro máis cool da literatura galega. É coolísimo!” (…)
Iolanda Zúñiga expláiase sobre un libro que aínda non limos, pero queremos facelo xa: “Eu sempre fun moi fan do colectivo de poetas Rompente. O único libro que teño, coidado coma un tesouro, é unha antoloxía de poemas seus que editara Xerais na colección Ablativo Absoluto. O título é Upalás, e non só agrupa textos dos tres poemarios editados polo colectivo, senón poemas individuais dos seus autores e unha parte final que se titula: “Textos de resistencia e comunicación”. Considero que Rompente é o máis cool que paríu a nosa literatura. (…)”