Os fillos do mar revalida éxito co San Clemente

Desde Sermos Galiza:
“Con Os fillos do mar (Xerais) Pedro Feijoo faise agora co Premio San Clemente de novela, outorgado por un xurado novel de mozos e mozas do ensino medio que recoñeceron canda el a obra de Arturo Pérez-Reverte, El tango de la guardia vieja en lingua española e a obra do grego Petros Márkaris, Liquidación final, como novela orixinal nas outras linguas.
Da obra de Pedro Feijoo destacou o xurado composto por trinta estudantes de distintos institutos, a entretida historia que narra, a facilidade da súa lectura e mesmo o humor que se recolle na escrita. Coa súa primeira novela, Pedro Feijóo pasou ao primeiro plano do mundo editorial e mesmo levou a que no noso panorama literario se volvera falar de best sellers. De Os fillos do mar publicáronse cinco edicións no primeiro ano e, singularmente, conseguiu a atención da editorial Planeta que apostou pola súa tradución ao español. A primeira edición agotárase en apenas cinco semanas. O autor ten xa rematada a segunda novela que sairá publicada no outono. (…)”