Crónica da presentación en Vento do Sul (Ourense) de As vidas de Nito, de Xabier Paz

Desde Tempo de Lecer Ourense:
“(…) A Editorial Xerais presentou o xoves 26 de xuño en Ourense o seu último lanzamento editorial: As vidas de Nito, de Xabier Paz. O acto tivo lugar na Livraría Torga e contou coas intervencións do autor da obra e de Manuel Bragado, director de Xerais. Segundo explicou Manuel Bragado, As vidas de Nito “é unha novela escrita cun enorme poder evocativo e cunha vontade estilística arrebatadora”. O libro conta a historia de Casiano Cendán Rocha, un home de idade que vive nunha residencia e que fai memoria da súa vida a través das conversas coa súa neta Aldara, que remexe nel os sedimentos máis íntimos. Canto importa o corpo? Que lle sucede a un neno que non medra como é debido?
Para Casiano, durante a infancia e a puberdade, o seu corpo foi fonte de desacougo e estrañeza. Logo, xa adulto, a súa paixón por África converteuse no referente dunha existencia chea e dorida. As visitas da súa neta actúan como o catalizador de inesperados procesos íntimos. Casiano debulla recordos para compoñer a esquecida historia da súa nenez e puberdade. Desde a chegada da Coca-Cola até a traizón da Transición, é retratada unha época que case todos queren esquecer. Na lembranza desfilarán as angueiras de Nito, un neno de anómalo e lento medrar, a súa perplexidade ante a rareza, a dor da diferenza, a educación relixiosa, a perda da inocencia, o asalto da sexualidade… Aldara recibe estrañada as disertacións do avó, visita tras visita, desde a historia de Papá Noel até a termodinámica da vida, desde a literatura até as vantaxes da morte. Segundo Manuel Bragado, “unha desolada lucidez, non exenta de humor, percorre o texto desta novela na voz do narrador”. (…)”