Desde a Consellería de Cultura:
“A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Baía Edicións publicaron en réxime de coedición a obra de Raúl Dans Un mosquito de nome Henri, título que fora galardoado na modalidade infantil do X Premio Barriga Verde de Textos de Teatro para Monicreques. A obra fai o número 11 da colección que reúne todas as pezas recoñecidas con este galardón convocado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Un mosquito de nome Henri é unha historia de superación e de aprendizaxe protagonizada por un personaxe visionario e inconformista que soña con ser aviador pese a ser miope e ás múltiples dificultades coas que se topa. Dela valorara o xurado do premio o seu ritmo áxil e a claridade da estrutura, así como a abundante comicidade nos textos e súa profundidade conceptual.
O ditame fixera referencia tamén aos numerosos e variados personaxes, coas súas singulares características, que conforman un conxunto harmónico no cal se adoptan comportamentos e emocións propias dos seres humanos, de xeito que mosquitos, avespas, formigas e outros insectos se teñen que enfrontar a alegrías, frustracións, medos, ilusións e desenganos.
No texto, que supón a primeira incursión de Dans na literatura dramática infantil, pódese entrever tamén unha crítica á sociedade de hoxe en día, ao tempo que se aprecia unha valoración positiva da vontade, a perseveranza e a realización persoal como obxectivo principal. (…)”.