Compostela: O longo devalo da cultura labrega

Dentro do ciclo Nexos, organizado pola Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, o sábado 5 de outubro, a partir das 12:00 horas, terá lugar, no Centro de Innovación Cultural, unha análise conxunta sobre O longo devalo da cultura labrega:
“A labrega é unha cultura de vello, decantada ao longo de séculos de interacción entre as comunidades humanas e a contorna natural. Esa estreita relación entre o ser humano e a terra, amén das circunstancias históricas, deron pé en Galicia á creación dunha rica, mesta e peculiar antropoloxía, a unha forma de estar no mundo.
O proceso de modernización do país supuxo o paulatino abandono do agro en favor das vilas e cidades, e a substitución daquela cosmovisión tradicional por outros coñecementos e imaxinarios.
Nesta sesión preguntámonos, da man de Uxío Novoneyra, canto daquel mundo aínda subsiste, e desde un ángulo máis técnico ou científico, que lle agarda ao noso agro no futuro inmediato.
Programa
12:00 h. Relatorio: Olga Novo.
12:45 h. Exposición: Xoán López Facal.
13:15 h. Contacontos: Celso F. Sanmartín.”
As reservas pódense realizar aquí.