O próximo luns 30 de setembro finaliza o prazo para presentar orixinais para a XXVI convocatoria do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. Estas son as bases da convocatoria:
“O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene, coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior, convoca unha nova edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame organízase co obxectivo de colaborar na promoción de novas voces, polo que para participar é requisito imprescindíbel non ter publicado ningún libro individual de poesía, agás se a súa edición correu por conta do autor/a.
As persoas que queiran participar nesta convocatoria terán de prazo até o vindeiro luns 30 de setembro de 2013 para presentar os seus orixinais. Os autores e autoras deberán entregar un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada duns 300 versos. Os textos presentaranse por triplicado debidamente encadernados ou grampados, “identificados inequívocamente con pseudónimo ou lema e acompañados dun sobre pechado”. Na parte externa do mesmo farase constar o pseudónimo, lema ou título da obra e no interior incluirase o nome completo do autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto.
Os traballos enviaranse ao enderezo do Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene (Porto do Río, 21, San Paio, Fene 15500, A Coruña)
O xurado do certame estará composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición ou da crítica.
A entrega do premio terá lugar o sábado 23 de novembro de 2013 nas instalacións do CMI de Fene.
O premio do XXVI Premio de Poesía Pérez Parallé consistirá na edición do libro gañador na Colección de Poesía Espiral Maior e nunha gratificación económica para o autor/a de 500 euros (suxeita ás retencións impositivas que marca a lei). Ademais, como símbolo do premio, entregarase á persoa gañadora unha escultura obra de Francisco Pérez Porto, artista plástico, fillo de Xosemaría Pérez Parallé.”