Manuel Portas: “Cando nunha sociedade hai machismo, haino nos homes e nas mulleres”

Entrevista de Montse Dopico a Manuel Portas en Praza:
“(…) – Praza (P): Faneca Brava vai pola segunda edición…
– Manuel Portas (MP): Si. A primeira saíu en abril e vamos pola segunda. Está a funcionar ben: parece que a xente o recomenda… E non é unha lectura recomendada nos institutos, como tantas veces se di da literatura galega. O problema é que os rapaces teñen, moitas veces, a percepción de que a literatura galega é unha cousa antiga, doutro tempo… (…)
– P: Dixo Fernández Paz do seu libro Non hai noite tan longa que quería retratar a miseria moral da sociedade das últimas décadas do franquismo. Faneca Brava é tamén así…
– MP: Cando nunha sociedade hai machismo, haino nas homes e nas mulleres. E a avoa é un tipo de muller machista que pasou toda a vida xogando ao xogo do nome dos Pereira, do clan, da estirpe, aínda que para iso tivese que sacrificar a neta. Ás veces pensamos que este tipo de comportamento só se daba nas familias burguesas, pero non é así. Na novela, é unha familia de mariñeiros e carpinteiros. Lela ocupa, porén, como diciamos antes, un lugar intermedio entre a avoa e a neta. E Encarna é o alter-ego de Concha, que representa outro tipo de muller. Deste xeito, grosso modo, falo dun abano de mulleres que reaccionan de xeitos diferentes ante os feitos. É evidente a miseria moral de tapar un crime como o que se comete contra Concha. (…)
– P: E o tema do galego [na educación]? Que ocorre na práctica?
– MP: O que si se nota é que agora os profesores teñen moita máis formación. Por iso, se houbese apoio, a galeguización sería maior. Con máis apoio legal poderíase avanzar moito, sen que pasase, desde logo, nada traumático.”