Entrevista a Xabier López en Disquecool:
“(…) – Disquecool (D): Como é cando naceu Cadeas?
– Xabier López (XL): Un día, revisando material vello atopei reflexións que fixera arredor do meu anterior libro para adultos, Os libros prestados, un libro de relatos. Eu fixera referencia á filosofía que defende que a nosa vida é unha unidade narrativa, que ao pensar sobre a nosa vida estamos relatando unha historia, que somos personaxes protagonistas na nosa historia, pero secundarias na de outros, e relacionando esa idea da vida como unidade narrativa co meu primeiro libro de relatos, comecei a pensar se ese era realmente o meu primeiro libro de relatos ou se xa había relatos autónomos nas outras novelas. E máis alá, se a vida era unha unidade relativa, cosa coa que estou de acordo, se se trataba dunha novela ou dunha suma de relatos. (…)
– D: Que supuxo para ti o Premio Xerais? Trátase dun premio que ten moitísima repercusión.
– XL: Levo anos escribindo, escribindo moito máis que publicando claro, pero tamén publicando desde o 97. Quero dicir que teño de todo, novelas que funcionaron mellor e peor, que gañaron premios, pero o certo é que a repercusión do Premio Xerais non a teñen outros, despois de que saíse o nome do gañador, nos tres dias seguintes recibín moitísimas chamadas; ata perdín a voz! E esa repercusión quizás non sexa tanto mérito de Xerais, que o é, como demérito da sociedade, que só recoñece a un autor cando gaña un premio importante. E que mesmo na rúa, veciños que nunca me pararan, agora viñan a felicitarme. Así que significación cara fóra, claramente máis publicidade. Ademais a nivel persoal o premio é un estímulo, por suposto. A valoración non pode ser outra.”