“Desde o ano 2001, o Instituto da Lingua Galega vén organizando cada outono un simposio dedicado a un tema específico, escollido polo seu interese para a comunidade científica ou para a formación continua dos titulados universitarios. Ao poñer o foco sobre ese asunto, o ILG pretende propiciar a reflexión sobre o estado da cuestión, impulsar avances na súa investigación, difundir o novo coñecemento xerado e, asemade, contribuír á renovación en métodos e resultados. Este ano a atención céntrase na fronteira galegoportuguesa. Pouco sabemos dos criterios con que foi trazada en orixe nin, polo tanto, en que medida respondía a trazos antropolóxicos, lingüísticos, xeográficos ou doutro teor. A raia atravesou as terras do antigo reino de Galicia e partiu en dous o territorio constitutivo do protorromance galego, do que logo habían xurdir a lingua galega e a lingua portuguesa; as vicisitudes históricas dunha e outra foron consolidando a raia como unha fronteira tamén lingüística que cómpre estudar con perspectivas renovadas. Mais desde o punto de vista lingüístico a raia ten outra característica non exenta de misterio: distintos estudos mostran que en localidades raianas existen variantes non compartidas nin cos veciños galegos nin cos veciños portugueses, pois só se dan —en Galicia ou en Portugal— lonxe de alí.
Ora ben, os organizadores cremos que non hai que contemplar as fronteiras como liñas divisorias senón como espazos de convivencia e intercambio, así como de creación dun tipo de cultura propio das áreas fronteirizas. Esa perspectiva centra o noso interese presente e lévanos a propoñer esta nova ollada desde múltiples enfoques interdisciplinares: desde a historia, a xeografía, a antropoloxía, o cinema e, naturalmente, a lingüística.
Como cada ano, o Simposio ILG 2013 está organizado polo Instituto da Lingua Galega en colaboración co Consello da Cultura Galega; nesta anualidade conta, ademais, coa participación do Instituto de Estudos de Literatura Tradicional da Universidade Nova de Lisboa. Diríxese preferentemente a profesores e alumnos universitarios de distintas áreas do saber, a profesores de ensino primario e secundario, de escolas oficiais de idiomas e de formación profesional, docentes das áreas da lingüística, historia, xeografía, antropoloxía e etnografía; e tamén, na mesma liña de formación continua, a profesionais de distintos sectores. Está aberto ao público xeral, a todas asa persoas que desexen ampliar ou actualizar os seus coñecementos na materia.
Podedes encontrar máis información sobre as Xornadas, homologadas por parte da Consellería de Educación con 18 horas lectivas, e o Simposio na seguinte páxina.”